05-21/03/10 O Museo de Pontevedra acollerá do 5 ó 21 de marzo unha mostra de artistas pontevedreses solidaria con Haití

Actualizado 23/02/2010 13:39

museo de pontevedra

Tódalas obras serán vendidas a 100 euros e o importe das vendas será ingresada directamente na conta da ONG Acción contra a Fame

Un grupo de artistas pontevedreses realizarán unha mostra de arte en solidariedade con Haití. O importe da venda dos cadros, fotos e debuxos, que se exporán no Sexto edificio do Museo de Pontevedra, será ingresada nunha conta da Ong Acción contra a Fame Galicia para que incremente o seu labor humanitaria no país recentemente sinistrado.

A comisión organizadora -formada por Carmen Hermo, Norberto Olmedo, Carlos Fontes, Antón Sobral, Xaime Toxo, Teresa Pedrosa, José María Alonso e Raquel Castro- sinalou que tódolos artistas que queiran colaborar poderán doar obras que non superen os 30 por 30 centímetros. Os fotógrafos tamén poderán participar con traballos no mesmo formato e presentados sobre unha superficie ríxida preparada para expoñer, evitando marcos e cristais. E os que aporten un debuxo, deberán presentado xa preparado para expoñer.

Tódalas obras serán vendidas ó mesmo prezo: 100 euros. Con esta medida, pretenden vender o maior número de obras posibles. O ingreso da venda de cada obra será directamente na conta de Acción contra a Fame.

A mostra das obras reunidas terá lugar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra do 5 ó 21 de marzo. A recepción das obras poderá efectuarse en Torrado (rúa da Oliva de Pontevedra), na Escola de Restauración (pola mañá, na rúa Xeneral Martitegui) ou no novo edificio do Museo de Pontevedra. En tódolos casos, entre o 20 e o 26 de febreiro.

Cada obra levará na zona posterior do lenzo e por fóra do envoltorio o nome do autor, o seu teléfono ou e-mail, o título da obra e o tamaño técnico, preferiblemente sen cristal.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra