04/03/2010 O Museo de Pontevedra enriquece as súas coleccións

Actualizado 03/03/2010 14:48

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra enriquece aínda máis as súas xa importantes coleccións artísticas coa incorporación, en concepto de depósito efectuado pola Colección Ruiz-Moya Decoster, dunha obra singular: un retablo gótico, dedicado a San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat, procedente orixinariamente do convento dominicano de Santa María de Belvís, en Santiago de Compostela.

Este retablo, coñecido por vellas fotografías en branco e negro, figurou na afamada Exposición Rexional Galega celebrada en 1909 en Santiago. Pasou a mans privadas cara a 1944, permanecendo dende entón e ata datas recentes en paradoiro descoñecido. Foi adquirido polos seus actuais propietarios no mercado anticuario madrileño a finais do ano 2005.

A obra, de estrutura pentagonal, mide hoxe 1'96 x 1'62 m. Na súa conformación primeira, non obstante, foi maior. Componse de tres rexistros horizontais superpostos e un ático de remate. Narra con detalle a lenda, difundida en Occidente no arranque do século XIII e con repercusión relativamente temperá en Galicia (Catedrais de Lugo e Santiago), de San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat.

Este retablo, impecablemente restaurado, ten un grande interese para Galicia. Realizado cara a finais do século XIV e valorable estilisticamente en relación coas pautas do gótico lineal tardío, con claros paralelos en obras castelás coetáneas, é o único testemuño chegado ata hoxe dunha pintura sobre táboa executada na nosa terra durante a Idade Media. A súa restauración, ademais, ao permitir recuperar a imaxe inicial da obra, alterada por intervencións dos séculos XVI e XIX, abre outras importantes vías de investigación, singularmente no ámbito lingüístico: as tres longas inscricións que explicitar o contido das escenas representadas infórmannos con precisión sobre o estadio evolutivo da lingua galega, na que están redactadas, ao fío do ano 1400.

O Museo de Pontevedra, ao dar conta deste depósito, agradece aos seus propietarios a súa excepcional xenerosidade.

A obra, instalada na Sala de Táboas do Edificio Castro Monteagudo del Museo, será presentada nun acto público o próximo 4 de marzo ás once da mañá.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra