05/05/2010Presentación do libro de Pablo Carpintero Arias Os instrumentos musicais na tradición galega

Actualizado 05/05/2010 09:43

museo de pontevedra

O vindeiro 5 de maio, mércores, ás oito do serán, presentarase no Salón de Actos do Sexto edificio do Museo de Pontevedra o libro Os instrumentos musicais na tradición galega, de Pablo Carpintero Arias, con debuxos de Xosé Ramón Marín Martínez. Nel, a partir dos catro grupos que conforman a clasificación canónica de Hornbostel y Sachs, descríbense e documéntanse un total de 144 instrumentos musicais e útiles sonoros que se empregaron ou empregan en Galicia, un dato que, pola súa magnitude, converte ó libro, coedición de Proxecto Ronsel e Difusora de Letras, Artes e Ideas, S.L., nunha verdadeira enciclopedia sobre a materia.

O libro, de case 500 páxinas e con preto de mil fotografías e debuxos, conta co aval da UNESCO e está enmarcado dentro das actividades promovidas polo Proxecto Ronsel, un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e as tres Universidades galegas centrado na salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia. En datas recentes foi distinguido co Premio de Investigación Antón Losada Diéguez.

Como complemento do acto de presentación, Pablo Carpintero ofrecerá un concerto didáctico no que explicará a orixe e a evolución da gaita de fol en Galicia.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra