Presentación do documental Tempo de Elexía, de José Antonio Durán

Actualizado 11/05/2010 08:16

museo de pontevedra

No salón de actos do Sexto Edificio será presentado o próximo mércores, día 12 de maio, ás sete e media da tarde e con entrada libre, o documental biográfico Tempo de elexía. María Mariño entre Eugenio Novo e Novoneyra, coproducido polo Taller de Edicións, de José Antonio Durán, e a Televisión de Galicia.

O documental, cunha duración de cincuenta e cinco minutos, está baseado na idea xeral de José Antonio Durán, que é ao mesmo tempo guionista e director, correndo a realización a cargo de Jorge Durán.

A historia iníciase en 1947 coa chegada ao Courel dende Noia de María Mariño Carou e o seu marido, nacional-catolicistas, da clase dos vencedores na guerra civil, coincidindo alí, na Casa Grande de Parada, co mozo Eugenio Novo Neira, da familia dos perdedores, que estaba a punto de iniciarse na poesía co nome de Uxío Novoneyra.

O documental narra a historia deste encontro, no momento do declive da aldea de Parada, que contrasta co do taller literario do poeta, do que xorde o ciclo poético Dos Eidos e a obra, tanto en galego coma en castelán, de María Mariño. Uxío Novoneyra, editor de Palabra no tempo e responsable da edición do libro póstumo Verba que comeza, deu a coñecer a poesía en galego de María Mariño, a noiesa do Courel, resaltando a súa importancia na literatura galega e a súa orixinalidade.

José Antonio Durán, coa documentación dispoñible e valéndose da información directa recibida do trato persoal con Novoneyra, puido compoñer esta especie de "elexía global" do Courel e da Galicia marítima tradicional, da que procedía María Mariño, en contraste coa riqueza visual e coa orixinalidade do taller literario de ambos os dous protagonistas.

Tempo de elexía é un auténtico espectáculo audiovisual, no que a historia é narrada en catro voces, ademais da voz en vivo de Novoneyra, con filmacións en directo tomadas en distintos momentos estacionais en escenarios da Galicia marítima, como Noia, a Ría de Arousa, Escarabote ou o Pazo de Goiáns, e das montañas do Cebreiro e do Courel, con centro na Casa do Señor de Pacios, a Casa Grande, a Casa Escola e a aldea de Parada.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra