18/05/10 Concerto das corais Cánticos de Amil e Voces Amigas, de Moraña

Actualizado 14/05/2010 14:44

museo de pontevedra

O próximo martes, día 18, ás nove da tarde, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, coincidindo coa clausura da exposición Tino Martínez. Os Milagres de Amil. Fotografías e con motivo do Día Internacional dos Museos, celebrarase, con entrada libre, un concerto que estará a cargo das corais de Moraña Cánticos de Amil e Voces Amigas.

A coral Cánticos de Amil fórmase en novembro de 2003 para seguir coa tradición dos cantos dedicados á Virxe dos Milagres, venerada na devandita localidade morañesa, e conta con corenta voces mixtas. Todos os anos organiza o certame Porquiño á brasa (festa gastronómica da parroquia), no que participan corais procedentes de todo o territorio galego.

Está dirixida dende o seu nacemento por Mercedes Tilve, nacida en Pontevedra pero emigrada coa súa familia a Xenebra (Suíza), onde comeza os seus estudos musicais con Mme. E. Seidel, violinista solista da da orquestra sinfónica da devandita localidade. Regresa a Galicia con dezaseis anos e organiza o coro parroquial de San Salvador de Meis, onde dirixirá o coro Ledicias. Na actualidade, ademais de dirixir cinco coros, cursa Canto no Conservatorio Profesional de Vilagarcía.

Pola súa banda, a coral Voces Amigas xorde a comezos de 2004 froito da incorporación de voces masculinas ao grupo O Menhir, nacido en 2001 no seo da Asociación de Mulleres Rurais de Moraña, que dirixía Marián Rodríguez García. No mes de abril do ano 2001, contando na actualidade con trinta e dúas voces mixtas.

Entre as súas actuacións cabe destacar a súa participación no Certame de Habaneiras de Campelo (Poio), en Amil (Moraña), en Cuntis, na Lama, en Samos (Lugo), na Gudiña (Ourense). Todos os anos, con motivo do aniversario da súa fundación, organiza un certame de panxoliñas, na igrexa parroquial de San Salvador de Saiáns (Moraña).

Tamén participou no festival en honor de Santa Cecilia de Pontedeume (A Coruña). Dentro dos recitais relixiosos, actuou en varias parroquias dos municipios pontevedreses de Cuntis, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Moraña e Barro, e no ourensán do Barco de Valdeorras.

Dende marzo de 2005 está dirixida por Sofía Taboada Gil, profesora superior de piano, solfexo e pedagoxía musical. Introduciuse no mando coral no Coro Universitario de Santiago de Compostela da man de Margarita Guerra. Recibiu cursos de profesores como Dante Andreo, Arthur Pinho, Eduardo Correa e Maximino Zumalave, entre outros. Na actualidade dirixe tamén a coral de Poio e Lembranzas de Marín.

A coral Cánticos de Amil interpretará as seguintes composicións: De Marín a Portonovo, popular; O carro, de Fuxan vos ventos; Pandeirada da chuvia, de Rogelio Groba, e Amil, de Carlos Wagner, membro da coral. Voces Amigas interpretará El mar y Dios, popular mariñeira; No prado, tradicional galega; Salió de Jamaica, habaneira mariñeira; Alborada, de Alberto Currás, e Dos mil años dichosa, de Joaquín Madurga.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra