14/05/10-30/06/10 Exposición do Día das Letras Galegas 2010. Uxío Novoneyra.
UXIO NOVONEIRA, O Courel (Lugo) 1930- Santiago de Compostela 1999

Actualizado 18/05/2010 08:45

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra celebra este ano o Día das Letras Galegas cunha exposición bibliográfica conmemorativa da figura de Uxío Novoneyra, o Poeta do Courel, rapsoda incondicional do seu pobo natal e da súa lingua materna aos que inmortalizou a través da súa poesía.

Encadrado na Xeración dos 50, de Los Juegos Minervales ou de La Noche, é na década dos corenta cando Novoneyra inicia a súa andaina poética. A mesma época en que coñece os poetas Manuel María e María Mariño cos que mantén unha profunda amizade e dialéctica literaria ata a morte destes últimos.

O Courel, Lugo, Santiago ou Madrid serán os lugares onde o autor entra en contacto cos grupos da antedita Xeración dos 50; os tertulianos do santiagués café Español; do grupo Brais Pinto; e dos tertulianos do Café Gijón de Madrid, que o poñen en contacto con literatos e pintores aos que dedica poemas ou ilustran a súa obra (Cuña Novás, Bernardino Graña, Avilés de Taramancos, Méndez Ferrín, Herminio Barreiro, Maside, Vázquez Diéguez, Laxeiro, Tino Grandío, Luis Seoane, Antón Patiño, Blas Lourés...). Deste mesmo contacto xorde o seu estilo caligramático no que se somerxe Novoneyra buscando a expresividade artística.

A mostra presenta as primeiras edicións da súa obra individual, ben recollidas en: publicacións monográficas (Os Eidos, Eidos 2, Elegias do Courel, Domingo Courel a Compostela, Muller prá Lonxe, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago...), en publicacións periódicas ("Loterías de Galicia. O Courel" en Fronte e Cocote; "Ou milagre do Nadal"en Vida Gallega; "Poemas Caligráficos" en Cadernos da Gadaña; "Abrojos" en Madrygal...), ou revistas nas que participou de forma colectiva (Airiños Aires, A Nosa Terra, Luzes de Galiza, Lucensia, Cadernos do espectáculo, Coordenadas, Microfisuras, A trabe de Ouro,...). Así como estudos que sobre el levaron a cabo figuras sobresaíntes da cultura galega (Alonso Montero, Rodríguez Fer, Carme Blanco, Méndez Ferrín, Anxo Tarrío, Rábade Paredes...).

Unha partitura manuscrita para canto e piano: Camiño do monte, con música de Tino Prados, un disco de Bibiano: Estamos chegando o mar, que inclúe un poema de Uxío, e a obra gráfica de Manuel Facal Porta a Compostela, completan a exposición.

A mostra pode visitarse na sala de investigadores da biblioteca do Museo entre o 14 de maio e o 30 de xuño de 2010.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra