Ciclo de conferencias sobre o celtismo na música en na arte en Galicia

Actualizado 20/05/2010 12:56

museo de pontevedra

O próximo luns, día 24 de maio, organizado polo Museo de Pontevedra, Organismo Autónomo da Diputación, comeza o ciclo de conferencias sobre “Á procura da nosa identidade. O celtismo na música e na arte de Galicia”, que se celebrará no salón de actos do Sexto Edificio ás oito da tarde, con entrada libre.

Desde o século XIX, co agromar dos nacionalismos, comeza un proceso de construción de identidades que, sendo particulares de cada territorio, se nutren en gran medida das interrelacións que a nivel discursivo tecen entre sí. Territorios que contaban cunha forte personalidade propia, na fala, nos costumes, na arte popular ou culta, comezan a definirse dialecticamente “fronte” e “xunto” aos Outros como referente en negativo ou en positivo, como explicación e argumento desas novas identidades culturais que se están a artellar. Neste xogo, como de espellos, vanse xerar elos, viaxes de ida e volta e discursos compartidos que enchen de sentido e significado a vontade de seren e existiren cultural e políticamente.

É nese diálogo onde o mundo atlántico, Bretaña, Irlanda e Galicia, co referente inevitable e máis inmediato de Portugal , conformará un ámbito de relacións cun discurso común vertebrado polo eixo do “celtismo”, razón e mito que se desplega nas pescudas etnográficas e históricas, pero tamén na creación literaria e artística. O resultado vai ser a construción dunha nova identidade que ao mesmo tempo individualiza e vencella estes territorios, iluminando a realidade duns desde a dos outros e a cristalización dunha etiqueta, a do “mundo céltico”, chamada a ter unha fonda pregnancia na percepción de si mesmos nos tempos posteriores e mesmo ata a actualidade .

Este ciclo plantéase coa intención de reflexionar sobre as relacións e os reflexos, no eido da creación cultural, entre os territorios atlánticos citados. Continúase con el a liña iniciada dous anos atrás polo Museo de Pontevedra, tamén avanzado o mes de maio, de achegar a un público diverso as cuestións que teñen que ver coa conformación da identidade de Galicia nos terreos das artes plásticas e da música.

O programa de conferencias será o seguinte:

  • -Luns, 24.- “Romances galegos relacionados co ciclo bretón e irlandés: música e ideoloxía”, por Carlos Villanueva, da Universidad de Santiago de Compostela.
  • -Martes, 25.- “Os portugueses na investigación da etnografía musical galega”, por Luis Costa, da Universidad de Vigo.
  • -Mércores, 26.- “O celtismo como sinal de identidade na arte galega da primeira metade do século XX: raza, ciclos temáticos e invariantes compositivas”, por Juan M. Monterroso, da Universidad de Santiago de Compostela.

Como clausura do ciclo, o xoves, día 27, a clase de Canto do Conservatorio de Música “Manuel Quiroga” de Pontevedra ofrecerá un concerto, ás oito e media da tarde, tamén no salón de actos del Sexto Edificio.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra