21/06/2010 Presentación del número de Galegos/Gallegos dedicado a Leopoldo Nóvoa

Actualizado 11/06/2010 08:23

museo de pontevedra

O 21 de xuño, luns, ás sete e media da tarde, no salón de actos do Sexto Edificio, vaise celebrar a presentación do número da revista Galegos/Gallegos, dedicado á figura de Leopoldo Nóvoa.

Leopoldo Nóvoa é un dos grandes artistas galegos de todos os tempos. Nado na parroquia pontevedresa de Salcedo en 1919, trasladouse en 1938 a Montevideo, cidade na que se instalou a súa familia logo de que seu pai, diplomático uruguaio destinado en Galicia, fose expulsado de España. Esa cidade e mais Bos Aires, onde expón por primeira vez individualmente en 1953 da man de Seoane, han ser esenciais na súa angueira artística durante máis de dúas décadas. En 1965 afíncase en París, onde aínda reside parte do ano, sendo Armenteira, no municipio pontevedrés de Meis, o seu outro referente vital.

Nóvoa foi, nos seus inicios, un pintor figurativo. Paseniño, no entanto, foise introducindo no terreo da non figuración, un eido creativo significativo no seu caso —alén das etapas que cómpre sinalar— por tres compoñentes básicos: o gusto pola materia, a fascinación pola luz e a obsesión polo espazo.

A revista Galegos/Gallegos, publicada por Ensenada de Ézaro Ediciones, dedícalle a Leopoldo Nóvoa, en recoñecemento á súa exemplar traxectoria artística e vital, o caderno monográfico do seu número 9, o primeiro do ano 2010, que inclúe colaboracións de Xosé Ramón Fandiño, Antón Patiño, Xosé Carlos Valle Pérez, Mercedes Rozas e Xavier Seoane, e recupera tamén un texto do escritor e crítico literario finado en 2008, Ramiro Fonte.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra