28/06/2010 Presentación do libro A casa de Soutomaior (1147-1532), de Suso Vila

Actualizado 11/06/2010 00:00

museo de pontevedra

Suso Vila (Tui, 1973) licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). É vicepresidente da Fundación Teatro Principal de Tui, secretario da Asociación Amigos da Catedral de Tui e editor asociado na rede académica internacional Historia a Debate.

Ten editados diferentes libros de arte, historia e antropoloxía sobre a cidade de Tui e a súa comarca: O Tui esquecido (1999), Pazos e Casas de Tui e Valença (2000), Tui e Valença nos séculos XI a XV (2001), Antiguas fiestas (2003), Xudeos e Conversos en Tui (2004), Corpo Santo/ San Telmo (2009), ente outros. Ten no prelo O Teatro Principal de Tui. Tamén leva publicado desde 1998 numerosos artigos en prensa e revistas especializadas, participando nos últimos anos en xornadas sobre patrimonio ou a cultura xudía en Tui. Obtivo o segundo premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, no 2008, polo seu traballo A Cidade de Tui durante a Baixa Idade Media, e o primeiro premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal no 2009, pola obra A casa de Soutomaior (1147-1532).

Esta última obra, editada na serie Trivium da Editorial Toxosoutos, será presentada no Sexto Edificio do Museo o 28 de xuño, luns, ás oito do serán, con entrada libre ata completar aforo.

Os Soutomaior forman parte do imaxinario histórico galego. O protagonismo desta familia nobiliaria durante os séculos medievais levou a que se proxectaran na historiografía posterior como parte desa nobreza galega ruda, belicosa, cruel e interiorizada no espazo galego.

Os estereotipos, amplificados no romanticismo, supuxeron elevar a Pedro Álvares, alias Pedro Madruga, como o expoñente dunha nobreza bárbara e afastada dos ideais cabaleirescos. Os abusos e usurpacións do patrimonio eclesiástico, entre outros, estenderían a imaxe depredadora que os Soutomaior tiñan e mantiveron ata os nosos días.

Os erros que a historiografía tradicional ten repetido sobre os Soutomaior, fican desmontados cun estudo profundo sobre a mentalidade e economía da casa nobiliaria que dominou o suroeste de Galicia durante a Baixa Idade Media.

O traballo de aproximación aos Soutomaior parte na busca de arquivos inéditos ata o de agora, ou doutros coñecidos e pouco analizados como os que atesoura o Museo de Pontevedra. A achega de documentación inédita provinte de numerosos arquivos españois (Arquivo Histórico Nacional, Arquivo Histórico Provincial de Zaragoza, Museo de Pontevedra, etc.) revelan aspectos sobre os Soutomaior novos, que axudan a comprender a localización espazo-temporal desta familia nobiliaria e a estratexia dos seus movementos, non como resultado de escuras paixóns senón de idearios e políticas racionais.

Os Soutomaior forman parte da historia medieval galega. O seu coñecemento axuda a comprender un período histórico con luces e sombras.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra