Espazos Sonoros 2010 no Museo de Pontevedra

Actualizado 22/07/2010 09:54

museo de pontevedra

Concertos no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra

  • sábado 18 de setembro : Girovago & Rondella Family Theatre > 12.30 horas
  • sábado 9 de outubro : Xograresca > 20.00 horas
  • venres 22 de outubro : Ars Atlántica > 20.00 horas
  • sábado 30 de outubro :Fervenzas Galegas > 20.00 horas


    • Mano Viva: o boneco de cinco dedos que camiña

      Girovago & Rondella Family Theatre

      Girovago e Rondella Family Theatre forman unha das poucas familias de artistas da Italia contemporánea. A compañía nace en 1987 cando, tras diversas experiencias de mimo, música e artes aplicadas, Girovago e Rondella se coñecen en Rodas. Desde ese momento, e durante sete anos, representan os seus espectáculos nas illas gregas e na costa turca, transformándose en Family Theatre ao naceren os seus fillos, Rugiada, Timoteo e Tommaso, que atoparían tamén o seu lugar no escenario. Os seus espectáculos son innovadores e evolucionaron converténdose nunha realidade particular, sen parangón con outros artistas de rúa. Foron gañadores do Festival de Atripalda e convertéronse na imaxe para a RAI do Festival de Certaldo. En Espazos Sonoros van presentar o espectáculo Mano Viva: o boneco de cinco dedos que camiña. É unha obra tan áxil coma o boneco/man protagonista. As pernas resultan o compoñente secreto do artefacto, dotadas de xeonllo e pé que lle permiten articularse con moitísima plasticidade. O resultado é unha fascinante aventura baseada en acrobacias e situacións divertidas.

      Cantos e relatos das tres culturas

      Xograresca

      Xograresca presenta un programa de músicas e historias contadas da man da cantante e actriz Charo Pita, unhas músicas que, malia pertenceren a tres culturas separadas irremisiblemente ao final da Idade Media, a cristiá, a xudía e a musulmá, compartiron e intercambiaron repertorio grazas aos arranxos dos compositores renacentistas e á maxia da tradición oral. Os músicos integrantes do grupo Xograresca posúen unha formación musical especializada en música antiga e tradicional e interpretan os seus programas tanguendo instrumentos de época con técnicas orixinais.

      Cantan tres reiseñores. Música barroca española para 1, 2 e 3 voces e arpa

      Ars Atlántica

      O canto do reiseñor está moi presente nun bo número de pezas vocais do barroco hispano, de aí o suxestivo título do programa. Unha pequena mostra da arte vocal española do século XVII, composta por pezas sacras e profanas para 1, 2 e 3 voces agudas con acompañamento de arpa de dúas ordes. A arpa é un instrumento de capital importancia na práctica musical desta época, imprescindible tanto nas capelas das catedrais coma nas compañías de teatro. Moitas das obras do programa son inéditas e proceden de centros musicais tan importantes como Santiago de Compostela, Guatemala, Lima, Barcelona e Madrid.

      Ars Atlántica, é un grupo fundado e dirixido polo arpista compostelán Manuel Vilas, un dos nosos músicos mais internacionais e recoñecidos dentro do mundo da música antiga. A formación está especializada no estudo e interpretación da música española, portuguesa, italiana e hispanoamericana dos séculos XVII e XVIII e, nesta ocasión, conta, ademais de coa soprano Magadalena Padilla e a mezzosoprano Marta infante, coa soprano galega e solista do grupo Resonet, Mercedes Hernández.

      Doce canciones gallegas

      Fervenzas galegas

      Antonio Fernández Cid (1916-1995), crítico musical ourensán residente en Madrid, teimaba en crear unha recompilación de cancións galegas. Ese empeño levou á Deputación ourensá a encargar 12 composicións a algúns dos máis destacados autores dos anos 50. Desta iniciativa nace a colección Doce canciones gallegas, dedicada a quen xestou a idea. As pezas foron estreadas o 15 de xuño de 1951 en Ourense.

      A colección intégrana obras creadas a partir dos versos de varios autores galegos (Rosalía, Curros, Risco ou Cabanillas, entre outros) musicados por coñecidos compositores entre os que destacan Mompou, Monstsalvatge Guridi, Toldrá ou Joaquín Rodrigo. A iniciativa hai que situala nun certo renacer con carácter folclorista da cultura galega, cara aos anos 50, e non deixou de ser, malia todo, unha conxunción feliz, polo anovador, no parco panorama cultural da Galicia da posguerra.

      Nesta ocasión as Doce canciones serán interpretadas pola soprano Begoña Salgueiro e o pianista Alejo Amoedo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra