IX Memorial Filgueira Valverde (2010)

Actualizado 04/10/2010 08:59

museo de pontevedra

IX MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (2010) Organizada pola Cátedra Filgueira Valverde, que promoven a Universidade de Vigo e Caixanova, celebrarase no salón de actos do Sexto Edificio do Museo entre os días 25 e 28 de outubro as e versará sobre o tema O retablo de Belvís e a arte a cultura do seu tempo en Galicia.

O retablo de Belvís, procedente do convento dominicano compostelán do mesmo nome, é o único testemuño coñecido, chegado ata hoxe, dunha pintura galega de tempos medievais executada sobre táboa. Analizada habitualmente a partir de fotografías realizadas con motivo da Exposición Rexional Galega celebrada en Santiago en 1909, estaba en ignoto paradoiro desde 1944. Dedicado a San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat, apareceu en datas recentes nunha colección particular madrileña.

Desde o pasado mes de marzo, este retablo, impecablemente restaurado, está depositado, por xenerosa decisión dos seus propietarios, no Museo de Pontevedra, exhibíndose nunha das salas do edificio Castro Monteagudo.

A transcendencia que para a cultura galega en xeral ten a reaparición deste retablo, datable a finais do século XIV, xustifica plenamente que se lle dedique con carácter monográfico este Memorial Filgueira Valverde. Nel examinarase tanto a obra en si mesma como o contexto artístico e lingüístico no que se produciu, pois unha das grandes sorpresas proporcionadas pola restauración foi a recuperación dos textos orixinais escritos en lingua galega, que acompañaban ás escenas pintadas.

PROGRAMA

  • Día 25 de outubro
  • 20:00 h Inauguración.
  • 20:15 h Conferencia:
  • O retablo de Belvís e a pintura sobre táboa de estilo gótico lineal

    Dr. FERNANDO GUTIÉRREZ BAÑOS

    Universidade de Valladolid

  • Día 26 de outubro
  • 20:00 h Conferencia:

    Arquitectura mendicante en Galicia ó redor de 1400: patróns, mecenas, tipoloxías construtivas e estilos artísticos

    Dra. CARMEN MANSO PORTO

    Real Academia da Historia

  • Día 27 de outubro
  • 20:00 h Conferencia:

    “Rosa de rosas, flor das flores”: devocións e imaxes marianas na Galicia de contra 1400

    Dra. ROCÍO SÁNCHEZ AMEIJEIRAS

    Universidade de Santiago de Compostela

  • Día 28 de outubro
  • 20:00 h Conferencia:

    A lingua galega nas vésperas do solpor medieval

    Dr. RAMÓN MARIÑO PAZ

    Universidade de Santiago de Compostela

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra