17/11/2010 Inauguración da exposición Ao pé do prelo. Luís Seoane editor e artista gráfico

Actualizado 12/11/2010 10:43

museo de pontevedra

O vindeiro mércores, día 17 de novembro, ás 20:00 h, inaugurarase no Sexto edificio do Museo a exposición Ao pé do prelo. Luís Seoane editor e artista gráfico. Organizada coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, esta mostra, comisariada por Xosé Ramón Fandiño e Gloria López , coordinada por Ana Barbazán e dirixida por Xosé Carlos Valle, quere ser unha homenaxe ao polifacético artista no centenario do seu nacemento . Nela ofrécese unha exhaustiva visión do seu traballo, tanto de diagramador e ilustrador de libros, como da súa propia obra de gravador e creador literario.

Por ser tan polifacética e fecunda, é probable que a figura de Seoane como pintor eclipse as súas outras facetas, sobre todo a de ilustrador e decorador de libros, que el sempre considerou un xénero de arte tan importante que consideraba que de entre todas as persoas que interveñen na confección do libro, o que lle imprime carácter definitivo é o maquetista, o artista gráfico, “autor da súa arquitectura e decoración”. Os trescentos libros presentados nesta mostra proceden das bibliotecas do Museo de Pontevedra, da Biblioteca da Cidade da Cultura, da Universidade de Santiago e do Museo Carlos Maside. E tamén se expón a doazón ofrecida por Maruxa Seoane, a muller do artista, ao Museo de Pontevedra en 1990: sete obras da autoría do seu marido, tres óleos, tres xilografías e un pastel inacabado. Titulado Areal e rochas, este traballo ten unha significación moi especial: é, de feito, o seu testamento artístico, a súa derradeira creación. Cando traballaba nel, a morte, o 5 de abril de 1979, impediu que a terminase. A exposición estará aberta ata o 19 de decembro. Poderá ser visitada, de martes a venres, de 17:00 a 21:00 h, os sábados de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h, e os domingos de 11:00 a 14:00 h. Os escolares e colectivos que desexen visitala fóra destes horarios, deberán poñerse en contacto co Gabinete Didáctico do Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra