Víctor Sánchez Mesas, un diplomático español, embaixador en varios países, dona ó Museo 192 pezas de arte española contemporánea e de arte oriental

Doazón da Colección Sánchez Mesas

Actualizado 25/11/2010 14:26

museo de pontevedra

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinou hoxe en Madrid a acta de doazón ó Museo de Pontevedra da Colección Sánchez Mesas, 192 valiosísimas pezas de arte española contemporánea e de arte oriental.

Víctor Sánchez Mesas foi un relevante diplomático español que ostentou as Embaixadas de España en diversos países, dende Bolivia ata Pakistán pasando por Indonesia ou San Salvador. Amigo persoal do ex Ministro de Obras Públicas do anterior réxime, Gonzalo Fernández de la Mora, foi este quén intercedeu para que á morte de Sánchez Mesas e da súa dona, Sofía Fernández de Tejada (feito que acaeceu o pasado mes), a súa colección pasase ó Museo de Pontevedra ó que De la Mora doou tamén a súa colección de pratería.

Entre as obras hoxe doadas figuran, entre outros, varios cadros de Miró, Picasso, Tapies, Millares, Mingote, o Equipo Crónica, etc., que veñen a completar a colección de pintura española contemporánea do Museo.

Historia dunha doazón

Víctor Sánchez Mesas foi embaixador de España en diversos países de Sudamérica e o sueste asiático. Foi amigo persoal e compañeiro longos anos de Gonzalo Fernández de la Mora - ex Ministro de Obras Públicas, e doante ó Museo de Pontevedra en 1995 dunha extraordinaria colección de pratería - que foi a persoa que o induciu a facer o legado.

Casado con Sofía Fernández de Tejada Ramírez de Arellano, o embaixador Sánchez Mesas non tivo fillos polo que a su herdanza pasaría ós seus dez sobriños. De la Mora fíxolle ver que se dispersaría a súa valiosísima colección de arte que o embaixador fora adquirindo ó longo da súa vida. Unha colección de pezas orientais selectas, e algunha de valor estelar, que adquirira cando estivo á fronte das embaixadas de España en Indonesia (dende 1973) e Paquistán (dende 1981); de arte andino e sudamericano, de cando estivo nas embaixadas de Bolivia (ata 1972) e San Salvador (1980); e de arte española das décadas dos anos 30 ata os 70.

A pesar de que só estivera unha vez en Galicia, Sánchez Mesas coñeceu o Museo de Pontevedra en 1997 a instancias de De la Mora que foi tamén quén lle ofreceu a fórmula xurídica para poder doar o seu legado. Víctor Sánchez quedou impresionado pola calidade das súas obras e do seu nivel. E decidiu facer doazón, como fixera o seu amigo, de toda a súa colección, unha vez que faleceran tanto el (o que ocorreu en agosto do ano 2003) como a súa dona (falecida en setembro do ano 2010, o mes pasado). A Deputación nomeouno, por iso, patrón de honra do Museo en 1999.

Co seu legado, o Museo de Pontevedra dispón dunha completa colección de Arte Oriental e ven a completar a de Arte Español pois as pezas doadas por Sánchez Mesas van dos anos 30 ata os 70 do pasado século.

Dáse a circunstancia de que tres grandes diplomáticos españois: Gonzalo Fernández de la Mora, Víctor Sánchez Mesas e Juan Durán Loriga, que traballaron xuntos en despachos contiguos perante longos anos, doaron coleccións de arte, de manuscritos e outros legados ó Museo de Pontevedra.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra