Araceli Filgueira falou onte sobre Os sabores do Entroido en Galicia

A escritora pontevedresa Araceli Filgueira Iglesias, coautora con Álvaro Cunqueiro do libro Cocina gallega, foi a encargada de abrir o ciclo que por terceiro ano consecutivo organiza o Museo de Pontevedra para sumarse ás celebracións programadas na cidade, coma no resto de Galicia, con motivo do Entroido.

Actualizado 02/03/2011 12:56

museo de pontevedra

O tema da conferencia de Araceli Filgueira foi Os sabores do Entroido en Galicia, comezando a súa intervención referindo os distintos nomes galegos da festa que precede ó tempo da Cuaresma, para reseñar a continuación a influencia que exercen sobre os alimentos propios destes días os diferentes tipos de cociñas e de combustibles, como a leña, o carbón, o gas ou a electricidade, xa que os cocidos e as sobremesas teñen distintos sabores segundo o tempo de cocción.

Logo detívose especialmente nos pratos típicos: o lacón con grelos, os cocidos de vidas alegres e tristes, así denominados por Picadillo, a cacheira coa súa orella, as androllas, os botelos, o bolo de pote, os caldos con moita verdura, tan do gusto de Cunqueiro, e as sopas do cocido.

Referiuse tamén Araceli Filgueira á importancia das distintas clases de pan e, como non, ás sobremesas, como as filloas, que en moitos lugares as de caldo fan prato co cocido, as orellas, as follas de limón, as torradas, as chulas, as rosquillas e as sobremesas específicas de distintas localidades, como as sopas da Limia ou as tortas de Verín ou de Mondoñedo.

Rematou a súa intervención referíndose ós licores caseiros, tan saborosos e dixestivos, que son sempre o remate dunha abondosa comida.





Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra