Xosé Manuel González Reboredo disertou sobre Teatro de Entroido en Galicia

Rematou onte o ciclo sobre o Entroido coa disertación de Xosé Manuel González Reboredo, do Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego, que tratou o tema Teatro de Entroido en Galicia.

Actualizado 04/03/2011 08:57

museo de pontevedra

Comezou a súa conferencia González Reboredo manifestando que a nosa civilización occidental creou unha categoría literaria concreta para definir un tipo de representacións nas que uns actores e actrices, profesionais ou amateurs, representan nun escenario unha obra, habitualmente de autor coñecido, a cal é seguida por un número maior ou menor de espectadores.

Pero, segundo o conferenciante, non debemos esquecer que este teatro, moi propio da nosa civilización occidental, encaixa dentro dun concepto moito máis amplo, que podemos definir como teatralidade, o cal presenta múltiples formas nas distintas culturas e épocas da historia da humanidade. Unha teatralidade que estivo, e está en casos, asociada ao rito e á festa, dúas manifestacións propicias para as postas en escena, polo que moitos aspectos da festa do Entroido, pasados ou presentes, tanto de Galicia como doutras terras da península e de Europa, oscilan entre o que algúns poderían definir como teatro de rúa e a representación nun escenario.

En efecto, proseguiu González Reboredo, as mascaradas do Entroido rural tiveron sempre unha dimensión de parodia teatral, con exemplos como os testamentos do galo, e do burro, ou os testamentos e sermóns de Entroido, entre eles un de Loureiro de Cotobade, preto de Pontevedra, descrito hai moitos anos polo benemérito etnógrafo Antonio Fraguas, postas en escena que poden ter un único actor, pero que en casos a trama se fai máis complexa, con varios personaxes, como sucedía na farsa titulada “A corrida do galo”, que se representou en Santa Cruz de Ribadulla (Vedra-A Coruña) ata hai 25 anos. Nos nosos días representacións de carácter satírico-burlesco persisten no Entroido da Ribeira de Chantada (Santiago de Arriba e Nogueira de Miño) ou en Salcedo (Pobra do Brollón-Lugo).

Referiu unha variante moi peculiar deste teatro de Entroido, como son os chamados atranques de correos e xenerais, propios da comarca da Ulla e o seu contorno (parroquias de municipios de Touro, Teo, Vedra, etc., da provincia da Coruña, e dos da Estrada, Silleda e Vila de Cruces na de Pontevedra). Trátase dunhas representacións que se documentan dende a segunda metade do século XIX e nas que uns personaxes montados a cabalo e vestidos con uniformes do século XIX levan a cabo longos debates en verso sobre conflitos de sona mundial ou sobre temas de política local, autonómica e estatal.

Xunto co Entroido rural, en Galicia desenvólvese dende o século XIX un Entroido vilego e urbano dominado polos gustos burgueses, no seo dos que aparecen, segundo era de agardar, de novo manifestacións de teatralidade. Uns exemplos ben coñecidos dos pontevedreses son o desembarco do rei Urco e o enterro de Ravachol. Se estas mostras de Pontevedra entran dentro dunha teatralidade de rúa, na cidade da Coruña, e por extensión en Betanzos, contamos cun verdadeiro teatro “de escenario” que chega aos nosos días. Son os coñecidos apropósitos, pezas parodísticas nas que se critica as realizacións, vida e política locais.

Rematou a súa intervención resaltando que os exemplos citados, e outros omitidos por mor da brevidade, revelan que en Galicia se desenvolveron unhas formas de teatro de Entroido emparentadas con outras presentes no resto de Europa, feito este que manifesta o europeísmo de fondo da nosa cultura.





Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra