12/04/2011 Concerto do Cuarteto Quiroga na igrexa de San Bartolomé

Actualizado 06/04/2011 14:46

museo de pontevedra

A igrexa parroquial de San Bartolomé acollerá o próximo martes, día 12 de abril, ás nove da noite, o concerto organizado polo Museo de Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, co que se conmemora o cincuenta aniversario do falecemento do ilustre violinista pontevedrés Manuel Quiroga.

Con entrada libre, estará a cargo do Cuarteto Quiroga, integrado por Aitor Hevia e Cibrán Sierra, violíns, Dénes Ludmany, viola, e Helena Poggio, cello, e nacido coa vontade de render homenaxe á figura do extraordinario violinista galego, xunto con Pablo de Sarasate e Pau Casals, un dos máis grandes instrumentistas de corda da historia musical europea. Dende a súa creación, o cuarteto levou o nome do xenial Manuel Quiroga aos grandes escenarios de Europa, devolvendo a súa memoria aos espazos nos que Quiroga brillara internacionalmente.

Na actualidade, o Cuarteto Quiroga está considerado pola crítica como unha das agrupacións máis importantes da súa xeración en Europa, sendo eloxiados os seus concertos polos máis prestixiosos medios. Galardoado nos concursos internacionais de cuarteto de cordas de Bordeaux, Paolo Borciani, Genéve, París, Premio "Ollo Crítico" de RNE e Medalla de Ouro do Primer Palau de Barcelona, formouse dende os seus inicios co mestre Rainer Schmidt (Cuarteto Hagen) na Escola Raíña Sofía de Madrid e máis tarde co propio Schmidt e Walter Levin na Musikhochschule de Basilea (Suíza).

É cuarteto en residencia na Fundación Museo Cerralbo de Madrid e un dos cuartetos máis activos internacionalmente da súa xeración, cunha intensa axenda de concertos que o levan a actuar nas máis importantes salas e festivais de Europa e América. Dende 2005 son Profesores e Cuarteto en Residencia no Curso Internacional de Música de Llanes e son invitados a impartir numerosos cursos.

O Cuarteto Quiroga interpretará o Requiem en Re menor, K626, de Wolfgang Amadeus Mozart, coa seguinte estrutura: I. Introitus: Requiem; II. Kyrie; III. Sequentia: Dies irae, Tuba mirum, Rex tremendae, Recordare, Confutatis, Lacrimosa; IV. Offertorium: Domine Iesu Christe, Hostias; V. Sanctus; VI. Benedictus; VII. Agnus Dei, e VIII. Communio: Lux Aeterna. Nesta misa de defuntos estaba a traballar Mozart no momento do seu falecemento en 1791, quedando inconclusa e rematada logo polo seu discípulo Franz Xaver Süssmayr (1766-1803).

A versión para cuarteto de cordas que ofrecerá o Cuarteto Quiroga parte da realizada inicialmente polo compositor vienés Peter Lichtental a principios do século XIX. Para alcanzar unha maior fidelidade á partitura do orixinal de 1791, o cuarteto readaptou esta versión utilizando como texto de referencia o manuscrito de Mozart-Süssmayr.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra