Aberta no Museo de Pontevedra a exposición dedicada a Lois Pereiro

Actualizado 16/05/2011 13:40

museo de pontevedra

Na biblioteca do Museo está instalada a mostra que a institución organiza todos os anos co gallo do Día das Letras Galegas dedicada ó escritor homenaxeado pola Real Academia Galega, nesta ocasión Lois Pereiro (Monforte de Lemos, 16 de febreiro de 1958 - A Coruña, 24 de maio de 1996).

Autor de pouca produción literaria, pero intensa, este poeta, cuxa mirada estética enlaza coa literatura centroeuropea, inicia os seus pasos literarios de moi mozo. Formou parte do grupo de escritores e artistas que en Madrid editaron a revista Loia, con catro números aparecidos entre 1975 e 1978, nos que intelectuais que contemplaban a Galicia desde o exterior, como Patiño, Menchu Lamas, Manuel Rivas ou Xosé Ramón Pereiro, buscaban renovar as artes e as letras.

O premio que ganou en 1982 no concurso nacional de poesía O Facho supuxo o recoñecemento institucional a unha obra orixinal e intimista, e a integración no traballo colectivo De amor e Desamor en 1984 e 1985 e a súa implicación na configuración da revista La Naval en 1984-1986, así como outros proxectos de conxunto (Os escritores lucenses orredor de Fole, en1986), non levou consigo o seu abandono individual e deambulatorio que nos induce a rastrexar por revistas (Luzes de Galicia, Galicia internacional, Dorna…) ou por antoloxías unha produción de texto curto e tenso que entronca coa tradición negativista do mundo galego.

Os seus libros Poemas 1981-1991 (1992), Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (1995) e Poemas para unha Loia: Seguido de modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia” (1997) enlazan coa edición da poesía completa que viu a luz este ano da man de Ana Acuña, unha poesía que se nos presenta como corrosiva e demoledora, pero con gran sentido sarcástico.

Os biógrafos de Lois Pereiro, algúns amigos e admiradores, participantes desa xeración do 80, como son, entre outros, Marica Campo ou Manuel Rivas, implicados pola súa traxectoria humana e intelectual, condicionada pola colza, as súas lecturas e o seu amor a Piedad R. Cabo, recollen nos seus estudos a un autor cuxa estética foi etiquetada como punk, cun sentido de desolación e de autodestrución que só se reconcilia coa vida en “Conversa ultramarina”, un diario escrito entre marzo e xuño de 1995 e dirixido a Piedad.

Todo este material pode verse na exposición en primeiras edicións pertencentes ós fondos do propio Museo, agás Loia, que se presenta en edición facsimilar editada polo Consello da Cultura Galega. A mostra complétase co relato curto que en 1989 publicou en Das Capital. O horario de visita é o de apertura ó público da Sala de Investigadores da Biblioteca, é dicir, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h, ata o día 30 de xuño.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra