Próximas actividades do obradoiro sobre instrumentos musicais tradicionais galegos

Actualizado 20/05/2011 12:53

museo de pontevedra

Como complemento do obradoiro que sobre instrumentos musicais tradicionais galegos impartiu no Museo Pablo Carpintero celebraranse a próxima semana senllas actividades os días 24, martes, e 28, sábado.

A primeira consistirá nun concerto didáctico, que terá como marco o Sexto Edificio do Museo, ao oito da tarde, ofrecido por Pablo Carpinteiro, no que serán empregados algúns dos instrumentos realizados nos obradoiros, así como outros que foron utilizados na nosa música tradicional, ata completar un total de trinta instrumentos musicais. Nel poderase afondar no coñecemento dos distintos tipos de gaitas usadas en Galicia, das diferentes percusións femininas e doutros moitos instrumentos populares.

A segunda actividade desenvolverase o sábado, entre o dez e media da mañá e a unha e media da tarde. Consistirá nun paseo polas beiras do río dos Gafos no que poderán participar aquelas persoas que tomaron parte nos obradoiros, debendo os nenos e nenas ir acompañados por un maior debidamente autorizado, ata un máximo de trinta e cinco persoas, que deben inscribirse previamente no Museo.

No transcurso do paseo Pablo Carpinteiro ensinará aos asistentes a facer sinxelos instrumentos musicais, axudándolles a comprender como a natureza nos prové de moi diversos materiais útiles para facer música. Por iso, moitos dos instrumentos que os nenos galegos fabricaron como xoguetes e como ferramentas para ir desenvolvendo as súas aptitudes musicais realizábanse con materiais verdes, como óboes e “pitos” coa cortiza de diversas árbores, ou os sinxelos clarinetes con follas ou con pallas de diferentes gramíneas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra