Inauguración da exposición Retratos na rúa. Foto Rafa 1950-1970

Actualizado 03/06/2011 14:48

museo de pontevedra

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá desde o día 3 de xuño, ás oito da tarde, a exposición fotográfica Retratos na rúa. Foto Rafa, 1950-1970, encadrada dentro do contexto de recuperación e difusión da fotografía en xeral e de ámbito local en particular que caracteriza ao Museo de Pontevedra, nesta ocasión propiciada pola incorporación da totalidade do arquivo do fotógrafo Rafael Vázquez González, Rafa, aos seus fondos.

A mostra, da que son comisarias Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro, responsables do Arquivo Gráfico do Museo, inclúe 150 fotografías en branco e negro extraídas das máis de 75.000 que Rafa realizou entre 1950 e 1970, nas que se mesturan as súas instantáneas máis coñecidas, froito do seu traballo para a prensa, cun número considerable de retratos de pontevedreses tomados na rúa, que teñen á cidade como único pano de fondo.

A pesar da súa intensa actividade como fotógrafo de prensa, Rafael Vázquez non pode ser cualificado unicamente como fotoxornalista, xa que o seu extenso labor como retratista rueiro converteuno nunha testemuña de excepción da vida da cidade de Pontevedra e das súas xentes.

As fotografías seleccionadas permiten realizar un paseo pola vida cotiá da época e ao mesmo tempo percibir o lenta pero imparable transformación da cidade, das súas rúas, prazas e xardíns, pero sobre todo descubrir o modo de vida das súas xentes. Os retratos na rúa son escenas usuais ou instantes anecdóticos que se converten en pequenos fragmentos da vida social, política, relixiosa e deportiva da nosa cidade, nos que aparecen reflectidos dunha forma extraordinaria os cambios ocorridos na vida cotiá, os que afectan os costumes, á forma de vestir, de traballar, de divertirse e de relacionarse.

Inclúense tamén fotografías das súas reportaxes de prensa máis coñecidos, como as da visita dos reis belgas Balduino e Fabiola en 1961, as de Francisco Franco ou as de Juan Carlos de Borbón cando era Príncipe.

A exposición compleméntase cun apartado de documentación biográfica e diversos obxectos pertencentes ao fotógrafo, como os seus cámaras, premios e retratos, ademais da proxección dun vídeo no que se exhibe unha selección de 200 retratos de rúa realizados nesta época.

Con motivo da mostra o Museo de Pontevedra editará un catálogo que incluirá, ademais da súa biografía e da súa obra, un texto que nos sitúa na vida cotiá da época.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo, 3 de xullo, podendo visitarse de martes a venres, en horario de cinco a nove da tarde, os sábados, de once a dous e de cinco a nove, e os domingos, de once a dúas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra