Ciclo de Música Sons no Ar-co IV

Actualizado 24/06/2011 12:41

museo de pontevedra

Ciclo de Música Sons no Ar-co IV

Un ano máis, o Museo de Pontevedra, en colaboración co Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, organiza o ciclo de música Sons no Ar-co, xa na súa cuarta edición.

É esta unha aposta feita polo Museo nun intento de saír dos espazos pechados e enriquecer o espazo cultural da cidade de Pontevedra, sementando de música a rúa, dende a simbólica Praza da Leña, neste ano 2011, no que se conmemora o cincuenta aniversario do pasamento do violinista pontevedrés Manuel Quiroga.

Durante catro venres do mes de xullo, actuará cadanseu grupo diante do arco que une os edificios Castro Monteagudo e García Flórez: Odaiko Percussion Group, Pixie & Dixie Band, Rastrexos e Tangata. Son agrupacións que cultivan diferentes estilos musicais e repertorios variados, pero todos axeitados para o lugar e o momento no que o Museo agasalla á cidade de Pontevedra e ós seus visitantes.

1 de xullo Odaiko percussion group

Odaiko Percussion Group (OPG) toma o seu nome do ODAIKO, unha variante moi voluminosa do TAIKO, un tambor tradicional xaponés. Con 1,2 metros de diámetro e 1,5 de profundidade, chegan a ser necesarias tres persoas para poder ser tocado.

Integrado por licenciados en percusión clásica, contemporánea e jazz no Conservatorio de Amsterdam, Real Conservatorio da Haia (Holanda) e Universidade da Baía (Brasil), este grupo fórmase en Holanda no ano 2003.

A idea inicial de Odaiko nace a raíz das numerosas colaboracións dos seus compoñentes en festivais como o Steve Reich Festival (Holanda), Stok Leuven Contemporain Festival (Bélxica), Convención Internacional de Percusión de Taipei (Taiwán), “I am pulse” Manila Festival (Filipinas), Nancy Zeltsman Festival (EE.UU.), etc.

A pesar de que xa se coñeceron en Galicia, ata chegar a Holanda non contemplaron a posibilidade de tocar xuntos, primeiro como dúo, logo como trío e máis tarde como Odaiko Percussion Group.

A proposta artística deste grupo galego céntrase na exploración da música tradicional multiétnica, na súa variante percusiva, faceta pouco traballada pola dificultade que supón a diversidade técnico-musical. Nos seus espectáculos pódense atopar instrumentos de orixe oriental (odaikos, gongs, táboas), africanos (djembé, sabar, dum-dum), latinoamericanos (congas, bongos, maracas, caixón), galegos (bombo e pratos, tamboril, tarrañolas) e instrumentos de creación posterior coma marimba, vibráfono ou batería. GROUP

Compoñentes:

Noli Torres - batería

Óscar Rodríguez - contrabaixo

Antonio López - piano

Juan Carlos Otero - saxofón

Ricardo Formoso – trompeta

8 de xullo Pixie & Dixie Band

É unha banda de Dixieland castelá – leonesa formada por músicos de Peñafiel (Valladolid) e Palencia que comezou a súa andaina en 1993. A súa formación, eminentemente acústica e propia do primitivo jazz de Nova Orleáns, dálle á súa música un carácter desenfadado e permítelle abordar todo tipo de actuacións, incluíndo as de animación rueira.

Nestes 18 anos de vida as súas actuacións son moi numerosas. Cabe destacar a súa inclusión nos ciclos de Teatralle e As Pedras Cantan organizados pola Junta de Castela e León, a súa participación nos Festivais de Jazz de Valladolid (Universijazz), Boadilla del Monte (Madrid) e Las Rozas (Madrid), a súa presenza nos festivais de rúa de Barcelona, Azkoitia, Durango, Sestao, Bilbao, Pamplona, Salamanca, entre outros, e unha asistencia constante a Festivais de Cinema (Seminci de Valladolid, Medina del Campo, Aguilar de Campoo…) e programacións culturais das comunidades de Castela e León, Castela - A Mancha, Cantabria, País Vasco, Aragón, Madrid, Navarra e Valencia).

Tamén participou nos actos da Festa da Hispanidade en Nuakchot (Mauritania) organizados pola Embaixada de España, e nos Congresos de Criminoloxía de Zamora, Valladolid e Salamanca.

Vive o ambiente musical das orixinarias bandas de jazz de Nova Orleáns dos anos 1920, a base dun repertorio propio desa época, con algunha inclusión de temas posteriores, anos 1940, cando os músicos desas bandas teñen que desprazarse a outras cidades de Estados Unidos, principalmente Chicago, con temas como Soul, Royal garden blues, Hello Dolly, In don't mean a thing, Tin roof Blues, Basin Street Blues, Tiger Rag, Bill Bailey, All of me, Alexander Ragtime, Wolverin Blues, Sugar, Limehouse, Just a Close, Columbus e moitos máis…

Compoñentes:

Alfredo Requejo - trompeta

Marco A. Meléndez - clarinete

Pepe Cardona - trombón

Miguel A. Arranz - saxo alto e tenor

Juan Peña - saxo tenor

Eduardo Martínez - banjo e guitarra

Quino García - contrabaixo e tuba.

Chuchi León - piano e percusión

Manolo Cardona – batería

15 de xullo, Rastrexos

Rastrexos xorde a partir da confluencia de diversos estilos musicais, baseada na fusión multiétnica. Ábrese un camiño a través dos ritmos africanos, latinos, brasileiros, galegos… que desemboca nunca posta en escena da que o público é parte esencial do espectáculo.

Formación de recente creación composta por un grupo de artistas que xa estiveron presentes en varias propostas musicais arredor de tres continentes: Europa, América, Asia.

A proposta Rastrexos Project comeza cunha xira por diferentes cidades de Suíza, España e Galicia no verán de 2011.

22 de xullo, Tangata

Formación que leva en activo máis de vinte anos de xeito ininterrompido, foi creada en 1988 arredor da figura de Artigas Anelo, bandoneonista do grupo e fundador do mesmo.

Ao longo destas dúas décadas o grupo evolucionou, pasando de ser un trío (bandoneón, piano e contrabaixo) a consolidarse como cuarteto coa incorporación do violín.

O repertorio de Tangata é xa moi extenso, contando na actualidade con máis de cen temas para os que Tangata conta con arranxos feitos exclusivamente para eles. Nos seus concertos o grupo fai un repaso pola historia do tango e interpreta dende os temas máis clásicos de músicos como Eduardo Arolas ou mesmo Gardel ata os máis modernos e innovadores do gran bandoneonista Astor Piazzolla. Tamén durante este tempo existiu unha parte de investigación e creación e Tangata conta con temas de creación propia.

Ten participado en importantes Festivais de Música e Certames de Tango de gran proxección internacional e ten recibido moi boas críticas e loanzas, sendo considerado un dos grupos de tango máis importantes da Península Ibérica e ocupando un lugar destacado nas formacións que se dedican a este xénero en toda Europa.

Nestes vinte anos de traballo Tangata editou tres CD. O primeiro deles, Como en octubre, foi gravado dez anos despois da súa creación no ano 1988.

Logo deste primeiro traballo discográfico o grupo meteuse de novo no estudio para gravar Trece. O seu traballo máis recente, Calambre, foi gravado en 2007 e viu a luz un ano máis tarde, a comezos de 2008.

Compoñentes:

Artigas Anelo - bandoneonista

Laura Quintillán - violinista

Alberto Vilas - pianista

Gustavo Adolfo Barcia - pianista

Pode descargar o programa facendo clic aquí

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra