Inaugurada a exposición A Colección Sánchez Mesas – Fernández de Tejada.

Actualizado 20/07/2011 14:04

museo de pontevedra

O xoves 21 de xullo, ás 20 horas, no Sexto Edificio do Museo, celebrouse o acto de inauguración da exposición A Colección Sánchez Mesas – Fernández de Tejada. Arte Contemporánea e Asiático-Oriental, que permanecerá aberta ao público, no horario habitual das exposicións temporais ata o 18 de setembro.

A colección que aquí se exhibe pertence ao Museo de Pontevedra en virtude dun legado testamentario, desde o 24 de novembro de 2010. Creada ao longo dos anos polos seus doadores, o embaixador D. Víctor Sánchez Mesas (Madrid, 1916-2003) e a súa esposa, Dª Sofía Fernández de Tejada e Ramírez de Arellano (Zafra, Badajoz, 1918-2010), confórmana un total de 191 pezas, 90 de arte do século XX, española sobre todo, e 101 de arte asiático-oriental. De incuestionable valor como conxunto e tamén pola singularidade dalgunha das pezas que a integran, para o Museo de Pontevedra ten ademais o interese suplementario de permitirlle cubrir lagoas nos seus fondos.

Ao expoñer publicamente esta valiosa colección, o Museo de Pontevedra quere deixar constancia do seu profundo agradecemento aos legatarios, D. Víctor Sánchez Mesas e Dª Sofía Fernández de Tejada, e tamén a D. Gonzalo de la Mora y Mon, quen participou decisivamente no proceso que conduciu finalmente a súa incorporación á institución.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra