Programación de Espazos Sonoros no Museo de Pontevedra

Actualizado 16/08/2011 12:45

museo de pontevedra

Dentro da programación do ciclo Espazos Sonoros 2011, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia Galega das Industrias Culturais, celebraranse dúas actividades no incomparable marco das Ruínas de San Domingos, os vindeiros días 24 e 27 de agosto ás dez da noite, con entrada libre ata completar aforo.

O programa é o seguinte:

Mércores 24 de agosto, 22.00 h

Ruínas de San Domingos, Museo de Pontevedra

A Compañía Autónoma Dromosofista presenta:

O Cubo Libre

Teatro musical, mimo e teatro de obxectos

Facundo Moreno
Santiago Moreno
Rugiada Grignani
Timoteo Grignani

Catro personaxes arredor dun cubo negro transfórmanse nunha espiral de imaxes surrealistas e poéticas, acompañadas de música ao vivo. O cubo libre é un encontro entre a música, o teatro de rúa e o teatro de obxectos: dúas chaquetas que se revelan apaixonados amantes, un guitarrista virtuoso enreda as súas catro mans ao executar un tango, un músico anano introdúcenos na danza de dous estraños bailaríns. O público asombrado asiste a un espectáculo divertido que amosa con acerto que as aparencias enganan.

A Compañía Autónoma Dromosofista está formada por catro monicrequeiros e músicos que deixan totalmente fascinado o público grazas ao seu dinamismo e imaxinación. Facundo e Santiago Moreno, fillos de actores de teatro e televisión, naceron en Bos Aires e chegaron a Italia en 2001. Son músicos e fundadores do grupo Aparecidos. Rugiada e Timoteo Grignani son os fillos da familia italiana de artistas Girovago e Rondella, coa que actúan desde os tres anos.

Os catro artistas coñecéronse hai cinco anos no Festival de Teatro e Música de Rúa de Martina Franca (Italia). Un ano máis tarde xa concibiran o espectáculo O cubo libre. É daquela, en 2007, cando deciden crear a Compañía Dromosofista, inventando para a ocasión unha palabra coa que aluden ao coñecemento de quen elixe a rúa como escola, á leria e ousadía dos vendedores ambulantes, condimentada cunha boa dose de imaxinación.

http://www.myspace.com/elcubolibre

Sábado 27 de agosto, 22.00 h

Ruínas de San Domingos, Museo de Pontevedra

Mordobre

Composicións e arranxos para guitarra clásica, eléctrica e contrabaixo

Xacobe Martínez Antelo: contrabaixo

Javier Abraldes: guitarra

Os músicos galegos Javier Abraldes e Xacobe Martínez únense arredor do proxecto Mordobre para presentar un programa no que estes dous polifacéticos artistas resumen o seu eclecticismo. Composicións e arranxos de Javier Abraldes, canda obras de John McLaughlin ou Robert Fripp, dan mostra dun estilo no que conflúen desde influencias das músicas populares até o jazz ou a música tradicional e antiga.

Xacobe Martínez Antelo leva máis de 20 anos dedicándose á música, cun campo de actuación realmente variado que inclúe o jazz, o rock, a música tradicional, a música para teatro ou as bandas sonoras. Ten traballado con músicos como Uxía, Marful, Mercedes Peón, Abe Rábade, Baldo Martínez, Marcos Teira, Narf, Nani García, Víctor Aneiros, Marcelino Galán, Guadi Galego, Rosa Cedrón, Leilía e un longo etc., pero tamén con artistas doutras disciplinas, como a compañía Chévere Teatro ou o actor e contador de historias Carlos Blanco.

Javier Abraldes é un músico cunha sólida formación no eido da música e da guitarra clásica, interesado tamén pola composición e a interpretación de música contemporánea, tanto do mundo académico como do popular urbano. Ese é o motivo de que nos seus recitais, ademais da guitarra clásica, empregue tamén as acústicas e as eléctricas.

Na actualidade estuda jazz no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e, ademais do dúo Mordobre, forma parte do grupo Martín Códax, do dúo Bagatela, co violonchelista Plamen Velev, e do grupo de southern rock Colt 45.

http://www.myspace.com/grupomordobre

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra