Santa Elena, padroa dos arqueólogos

Actualizado 17/08/2011 12:49

museo de pontevedra

O 18 de agosto celebrouse a festividade de Santa Elena emperatriz, patroa dos arqueólogos xa que, segundo a súa lenda, fixo escavacións en busca das reliquias da cruz de Cristo.

Elena naceu cara a 246, sen que se saiba concretamente en que lugar. Segundo os autores gregos pertencía a unha familia humilde que rexentaba unha hospedaría, e outros, como Baronio, aseguran que era unha nobre inglesa. En todo caso, sabemos que no ano 273 contraeu matrimonio con Constancio Cloro, un oficial ao que Diocleciano elevou á dignidade de césar en 292, impóndolle que repudiase a Elena e casase coa fillastra de Maximiano, Teodora.

Á morte de Constancio Cloro (306) foi elixido emperador Constantino, fillo de Elena, quen chamou á súa nai á corte e deulle o título de augusta. Tamén existen diferentes teorías sobre cal dos dous abrazou antes o cristianismo, se Elena ou Constantino, en todo caso, no ano 313, por medio do edicto de Milán, o emperador establece a liberdade de relixión no Imperio Romano, dando fin ás persecucións contra os cristiáns.

Elena, despois do concilio de Nicea (325) decidiu visitar en peregrinación os Santos Lugares, subindo á cima do Gólgota, onde se erixía un templo en honra de Venus. Ao decatarse do costume de enterrar aos malfeitores no lugar de execución, xunto cos instrumentos que serviron para darlles morte, mandou derrubar o templo e buscar a cruz de Cristo. Apareceron tres cruces e, conta a tradición, como se conseguiu identificar a que correspondía a Jesús, mediante a curación dun moribundo.

Regresou a Roma e faleceu pouco despois, o 18 de agosto de 328, sendo enterrada na igrexa dos mártires Pedro e Marcelino nunha urna de pórfido.

O Museo de Pontevedra está, entre outros, baixo o padroado de Santa Elena, posto que naceu como continuador do labor da Sociedad Arqueolóxica de Pontevedra, que iniciou a recollida de materiais de interese histórico na provincia. Ao longo dos seus máis de oitenta anos de historia realizou múltiples achegas á investigación arqueolóxica, como as primeiras escavacións en monumentos funerarios megalíticos e outros traballos de campo como a colección de mostras de arte rupestre, as campañas sistemáticas, iniciadas en 1950, na Lanzada e a coordinación doutras moitas escavacións en toda a provincia.

As salas de Arqueoloxía, instaladas no edificio Castro Monteagudo, recibiron aos participantes do III Congreso Nacional de Arqueoloxía en 1952, recentemente remodeladas naquel momento. Neste congreso presentáronse os primeiros froitos da recompilación de xacementos arqueolóxicos, coñecido como Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra (Filgueira Valverde e García Alén, 1956), que puña en relevo a considerable riqueza arqueolóxica da provincia, e que continuou elaborándose ao longo dos anos.

A Sección de Arqueoloxía do Museo formada por importantes mostras da Antigüidade, como son exemplos de petróglifos, ortostatos procedentes de construcións megalíticas, útiles de poboados castrexos e romanos de diversos materiais como cerámica ou metal, miliarios, sen esquecer conxuntos de pezas de ourivaría, como os tesouros de Caldas, A Golada, Foxados, Lamela, etc., na súa maioría froito das campañas de escavacións ou achados casuais, nun futuro próximo, poderá ser admirada polo público en novos espazos deseñados nos edificios Sarmiento e Sexto.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra