Ciclo: Grandes Xenios da Música Clásica

Actualizado 20/09/2011 09:14

museo de pontevedra

A partir do vindeiro sábado día 1 de outubro, o Museo de Pontevedra inicia a segunda parte da Temporada 2011 de Concertos de Música Clásica Comentados, que se celebrarán no Auditorio do Sexto Edificio (rúa P. Amoedo, 3) ás 11.30 horas, organizados conxuntamente polo Museo e o Servizo de Acción Social da Deputación.

Esta iniciativa cultural, dirixida e presentada polo Profesor Manuel López-Benito, pretende achegar a Música Clásica ao gran público mediante a audición comentada de obras dos máis variados compositores dende a Idade Media ata os nosos días.

Baixo a denominación xenérica de Grandes Xenios da Música Clásica, os compositores elixidos para esta segunda fase do Curso 2011 son Ludwig van Beethoven e o gran compositor e violinista pontevedrés Manuel Quiroga Losada, elixido con motivo de cumprirse este ano 2011 o cincuenta aniversario do seu falecemento, acaecido na súa cidade natal de Pontevedra o 19 de abril de 1961.

Dous xenios da música, que viviron en momentos históricos diferentes e cuxa música representa, en cada caso, cumes da arte musical.

Dedicaráselle a cada compositor catro xornadas ou concertos, de dúas horas de duración cada unha, e que incluirán en cada unha destas xornadas a audición de dez-doce das súas páxinas musicais máis representativas. Todo iso acompañado da proxección de material visual de apoio.

Para cada unha desas obras musicais, o Profesor López-Benito realizará unha breve introdución explicativa, previa ás correspondentes audicións, que sirvan para enmarcar ao Compositor e á súa música dentro do momento histórico, artístico, e social que lle é contemporáneo, ao tempo que resaltará o que cada unha destas páxinas ten de destacable dende o punto de vista musical e artístico.

Con todo iso preténdese ilustrar e achegar aquela información necesaria que permita aos asistentes ao Ciclo sentir, coñecer e afondar na música clásica dun xeito diferente e agradable, ao tempo que obteñan unha visión xeral de cada un dos compositores, da súa música e da súa vida. O calendario de audicións é o seguinte:

Beethoven: 1, 8, 15 e 22 de outubro

Quiroga: 5, 12, 19 e 26 de novembro

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra