Inauguración da exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro

Actualizado 27/09/2011 09:37

museo de pontevedra

No Sexto Edificio do Museo inaugurarase o próximo venres, día trinta de setembro, a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol para conmemorar o centenario do nacemento do escritor mindoniense.

A mostra está comisariada por María Liñeira e Víctor F. Freixanes, coa colaboración de Dolores Vilavedra e Francisco Domínguez, correndo a coordinación xeral e técnica A Cargo de Xosé M. Soutullo e Teresa Rodríguez, respectivamente.

A vida de Álvaro Cunqueiro pode ser seguida na exposición a través de dezaseis paneis, nos que se combinan breves textos explicativos con fotografías persoais e das cubertas das súas publicacións de cada momento.

Á etapa da súa infancia en Mondoñedo, séguelle a súa estanza en Santiago dende 1927, a da guerra civil, na que colabora co réxime franquista, o traslado a Madrid e o seu traballo en ABC e o seu regreso a Mondoñedo en 1947 ata 1961, en que se instala, en Vigo para traballar no Faro de Vigo.

Outros paneis refírense ao seu labor como literato e á publicación dos seus libros: Merlín e familia e Ás crónicas do Sochantre; Cunqueiro como poeta e como xornalista; Xente de aquí e de acolá, Escola de menciñeiros e Os outros feirantes; Don Hamlet e Se o vello Sinbad volvese ás illas...; as festas e a gastronomía, con A cociña galega; As mocedades de Ulises, Un hombre que se parecía a Orestes e El año del cometa, e as relacións cos seus amigos.

A exposición, que se complementa con proxeccións na mesma sala, estará aberta ata o domingo, 23 de outubro, sendo o seu horario de visita de martes a venres, de seis a nove da tarde, os sábados, de once a dous e de seis a nove, e os domingos e festivos de once a dous da tarde.

O xoves, día 6 de outubro, celebrarase, tamén no Sexto Edificio, unha mesa redonda complementaria da mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega, que xirará en torno ao tema Os intelectuais galegos e o franquismo, na que intervirán Xosé Fortes, Olivia Rodríguez, Xesús Alonso Montero e Luis Cochón.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra