X Memorial Filgueira Valverde: Casto Sampedro Folgar (1848-1937) e o seu tempo

Actualizado 18/10/2011 09:38

museo de pontevedra

Do 24 ó 27 de outubro celebrarase a décima edición do Memorial Filgueira Valverde organizado pola Cátedra Filgueira, que promoven a Universidade de Vigo e Novacaixagalicia. Este ano constará de catro conferencias en torno á figura de Casto Sampedro e o seu tempo, que terán lugar no salón de actos do Sexto Edificio do Museo a partir das 20.00 h. A entrada é libre ata completar aforo

Casto Sampedro Folgar (Redondela, 1848 – Pontevedra, 1937) foi un dos intelectuais galegos máis importantes do seu tempo. Licenciado en Dereito e avogado de profesión, foi un home de múltiples saberes e intereses. Debe o esencial da súa proxección ao seu traballo á fronte da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, da que foi presidente fundador. Esta institución, nacida no verán de 1894 e desaparecida a raíz do seu pasamento en 1937, acabará cedendo o testemuño da súa actividade ao Museo de Pontevedra, creado pola Deputación Provincial o 30 de decembro de 1927. Deste organismo será o seu primeiro director, acompañándoo no Padroado reitor, como secretario técnico, Xosé Filgueira Valverde, quen acabará sendo o continuador do seu fecundo labor.

A conmemoración, en 2012, do 75 aniversario do falecemento de Casto Sampedro, preséntase como unha ocasión excelente para achegarse ao seu rico legado, pouco coñecido, malia a súa transcendencia, fóra dos círculos especializados. Facelo no marco das actividades programadas pola Cátedra que leva o nome dunha persoa tan vinculada a el como Xosé Filgueira Valverde, fai especialmente oportuno este novo Memorial.

Programa

Día 24 de outubro

20:00 h Inauguración.

20.15 h: Conferencia: Casto Sampedro, a Sociedad Arqueológica e a memoria de Pontevedra

Xosé Carlos Valle Pérez

Museo de Pontevedra

Día 25 de outubro

20.00 h: Conferencia: A vida cotiá na Pontevedra medieval á luz dos fondos documentais de Casto Sampedro

Xosé Armas Castro

Universidade de Santiago de Compostela

Día 26 de outubro

20.00 h: Conferencia: Casto Sampedro Folgar e a Antropoloxía Cultural de Galicia

Xosé Fuentes Alende

Museo de Pontevedra

Día 27 de outubro

20.00 h: Conferencia: A música na vida e no legado documental de Casto Sampedro

Xavier Groba González

Musicólogo e profesor de Música IES 1 de marzo

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra