Mostra Retratos de Valle-Inclán

Actualizado 25/10/2011 10:09

museo de pontevedra

Na sala de exposicións temporais pódese visitar a mostra Retratos de Valle-Inclán, organizada polo Museo para conmemorar o setenta e cinco aniversario da morte do escritor, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a Cátedra Valle-Inclán e a Fundación Valle-Inclán, comisariada polo director do Museo, José Carlos Valle Pérez.

A figura de Valle-Inclán empeza a caracterizarse a partir da publicación, o 3 de xuño de 1895, no periódico catalán La Dinastía dun artigo no que Alfonso Pérez Nieva describe algunhas das particularidades físicas e da indumentaria que lle eran consubstanciais.

Desde entón e ata o seu falecemento en Santiago de Compostela o 5 de xaneiro de 1936 a súa imaxe, inseparable da súa xenialidade creativa, irase consolidando, facéndose popular e inconfundible e será, por unha parte, representada por grandes artistas españois e galegos coetáneos, como Anselmo Miguel Nieto, Juan Echevarría, Daniel Vázquez Díaz, Victorio Macho, Ignacio Zuloaga, Carlos Maside o Castelao, e, por outra, comentada ou glosada por numerosos escritores, figuras excelsas das letras universais, españolas e galegas do seu tempo, como Rubén Darío, Antonio Machado, Ramón Gómez de la Serna, Juan Ramón Jiménez, Azorín, Pío Baroja, Ramón Pérez de Ayala, Jesús Muruáis ou Eduardo Blanco Amor.

Os máis destacados retratos artísticos e literarios, en prosa ou en verso, coetáneos de Valle-Inclán recóllense nesta exposición, que serve de complemento e dá continuidade á titulada Valle-Inclán debuxado / Valle-Inclán dibujado, comisariada por Javier Serrano e Amparo de Juan, que se exhibiu en 2008 e 2009 en Lugo, Santiago e Pontevedra e que se centrou no estudo das caricaturas de Valle-Inclán; por este motivo non se incluíron na presente mostra.

A exposición permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro co seguinte horario: de martes a venres, de seis a nove da tarde; os sábados, de once a dúas e de seis a nove, e os domingos e festivos de once a dúas da tarde. Non obstante, os centros escolares que o desexen poden visitala fóra desa franxa horaria; para iso deben concertar a visita previamente co Gabinete Didáctico do Museo.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra