Conferencia de Xosé Manuel Pereira sobre Casimiro Gómez no centenario da avenida de Bos Aires

Actualizado 28/10/2011 09:07

museo de pontevedra

Con motivo de cumprirse o 28 do pasado mes de agosto o centenario da inauguración da avenida de Bos Aires, o Museo programou para o vindeiro xoves, día 3 de novembro, ás oito da tarde e con entrada libre no Sexto Edificio, unha conferencia na que Xosé Manuel Pereira Fernández abordará diversos aspectos da efeméride, centrándose de maneira especial na figura de Casimiro Gómez e as súas relacións coa cidade de Pontevedra.

Casimiro Gómez Cobas nace en 1854 en Viascón (Cotobade) e con trece anos parte en 1867 para Bos Aires, onde comeza a traballar nun modesto e artesanal taller de talabartería propiedade do catalán Agustín Palmés, con cuxa filla Dores casa, pasando entón a dirixir o negocio, que inicia un proceso de modernización e crecemento, converténdose pronto nunha gran casa comercial co nome da Nacional.

Non limitou a súa actividade ao mundo do coiro, senón que tivo unha activa participación como dirixente das organizacións de empresarios bonaerenses. Propietario de seis estancias, doou enormes superficies de terreo para o levantamento de novas vilas. Mención especial merece o seu protagonismo na fundación da cidade de Neuquén, doando os solares para a instalación do exército, da comisaría de policía e da oficina de correos, así como para a construción, ao seu cargo, da igrexa matriz.

Alcanzado o éxito económico e o prestixio social, en 1900 regresa a Pontevedra e adquire Monte Porreiro. O momento de esplendor que vive o termalismo galego lévalle á construción do Balneario do Lérez e a creación dunha planta de embotellado de augas minerais. A partir dos primeiros anos da década de 1920 Casimiro Gómez fixa definitivamente a súa residencia en Pontevedra, deixando os negocios arxentinos en mans dos seus fillos. Tamén desde comezos desa década abandona a aventura balnearia e Monte Porreiro aparece reconvertido en granxa modelo.

Dous dos alicerces do éxito de Casimiro Gómez asentáronse na súa capacidade para intuír o papel que décadas despois xogaron as campañas de mercadotecnia e a súa permanente aposta pola tecnoloxía punta. Por iso é polo que os artigos producidos nas súas empresas, tanto da Nacional como de Monte Porreiro nas súas dúas etapas –augas minerais e gando selecto–, conseguiron múltiples premios e distincións. No plano persoal destaca o papel como filántropo xogado por Casimiro Gómez, especialmente coa cidade de Pontevedra.

A avenida de Bos Aires foi unha das realizacións de Casimiro Gómez que máis tempo tardou en ver a luz, cuxa inauguración supuxo o broche de ouro ás fastosas Festas da Peregrina de 1911, que tiveron como pratos fortes, xunto ás inescusables corridas de touros, os pioneiros voos de Garnier, os Xogos Florais e a inauguración do Monumento aos Heroes de Pontesampaio.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra