Exposición conmemorativa do cincuenta aniversario do pasamento de Manuel Quiroga

Actualizado 11/11/2011 12:45

museo de pontevedra

O martes quince de novembro, ás oito da tarde, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, organismo autónomo da Deputación, inaugurouse a exposición Manuel Quiroga. Dá gloria ó esquecemento, que se organizou para conmemorar o cincuentenario do pasamento do ilustre violinista, en Pontevedra o 19 de abril de 1961.

José Carlos Valle Pérez dirixiu a preparación da mostra e contou con Fernando Otero Urtaza como comisario e con Beatriz De San Ildefonso como comisaria adxunta.

O Museo de Pontevedra considera que esta conmemoración debe ser algo máis que un recordatorio circunstancial da súa egrexia figura. Ten que servir, para devolvela á luz, para rescatala da sombra, para facela actual e coñecida.

Para esta institución é ademais unha obriga, por ser depositaria do máis significativo do seu legado documental, musical e artístico grazas á xenerosa doazón, en 1972, do seu irmán da que derivaría o seu nomeamento como membro honorario do seu Padroado, é ademais unha obrigación.

A exposición, é unha continuación da realizada en 1992, tamén no Museo de Pontevedra, con motivo do centenario do o seu nacemento, como as outras actividades programadas como complemento, deben contribuír a propiciar esa recuperación.

A exposición, intégrana os propios fondos do Museo, dos seus familiares e doutras institucións e de particulares e permitirá coñecer a fondo a vida e a obra de Manuel Quiroga. Da primeira serán testemuño as numerosas fotografías e cartas autógrafas dirixidas desde diversos lugares ós seus familiares, así como as noticias da súa actividade aparecidas en revistas e xornais do momento.

En canto á súa obra, debemos diferenciar dous aspectos: o seu labor como violinista e compositor do que se mostran partituras, tanto propias como doutros autores que lle dedicaron obras, así como algún dos violíns por el utilizados e a súa paixón polo debuxo e pola pintura, á que puido dedicarse con máis continuidade a partir do accidente que sufriu en Nova York en 1937 e que o deixa imposibilitado para continuar como violinista.

Exhibiranse unha ampla serie de cadros e de caricaturas que lles fixo a músicos e amigos, así como os retratos que lle fixeron debuxantes, pintores e escultores contemporáneos.

As actividades complementarias serán as dúas conferencias previstas para os días 22 e 23 de novembro, de Enrique Jiménez Gómez e de Milagres Bará Viñas, respectivamente, e o concerto que ofrecerán o día 20 de decembro o violinista José Manuel Álvarez Losada e o pianista Andreu Riera Gomila.

A mostra permanecerá aberta ata o 15 de xaneiro. O horario de visita será de martes a venres de 18.00 a 21.00 horas, os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, e os domingos e festivos de 11.00 a 14.00 horas.

Os centros escolares ou colectivos que o desexen poden facelo fóra desa banda horaria, solicitando a visita no Gabinete Didáctico do Museo.

Ademais todos os martes ás 19.00 o comisario da exposición, Fernando Otero Urtaza, dirixirá unha visita guiada para as persoas interesadas.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra