Mesa redonda en memoria de Antonio Odriozola

Actualizado 16/12/2011 14:25

museo de pontevedra

O Museo organizou unha mesa redonda conmemorativa do centenario do nacemento de Antonio Odriozola, que se celebrará o vindeiro luns, día 19 de decembro, ás oito da tarde, no salón de actos do Sexto Edificio e con entrada libre.

O acto estará moderado por José Carlos Valle Pérez, director do Museo, e nel participarán Daniel Buján, Fernando Otero e Carmen Salinero, que analizarán diversos aspectos da vida e da obra de Antonio Odriozola, resaltando en especial os seus extraordinarios coñecementos sobre a imprenta e a bibliografía, sobre música e sobre a camelia e as setas, campos nos que era recoñecido internacionalmente.

Nacido en Vitoria (Álava) o 1 de xuño de 1911 e falecido en 1987, Antonio Odriozola asentouse en Pontevedra para ocupar o posto de bibliotecario da Misión Biológica de Galicia, na que tamén traballou o seu irmán Miguel, posto que ocupou ata a súa xubilación en 1981. Malia estudar a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, non chegou a exercer a avogacía, dedicándose ás diversas facetas investigadoras, dando a coñecer os seus resultados en importantes libros e artigos publicados en revistas especializadas.

Antonio Odriozola foi Patrono bibliotecario do Museo de Pontevedra, membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, presidente da Sociedad de los Bibliófilos Gallegos e correspondente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da Real Academia de la Historia. Entre os recoñecementos de que foi obxecto, merecen ser citados o Premio Nacional “Cardenal Cisneros”, concedido polo Ministerio de Cultura en 1974, e o Premio “Raimundo Lulio”, outorgado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas en 1976.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra