Presentación do libro de Enrique Mora Historia de dioses y hombres

Actualizado 19/12/2011 14:06

museo de pontevedra

No Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, organismo autónomo da Deputación, tivo lugar o mércores 21 de decembro, ás sete da tarde e con entrada libre, a presentación do libro Historia de dioses y hombres, de Enrique Mora Morandeira, que correrá a cargo de Manuel de Pedro Rivero.

A última publicación do autor, prologada polo seu irmán José Miguel, intérnase no terreo misterioso da mitoloxía grega, é dicir, no corpo de mitos e lendas dos antigos gregos que tratan dos seus deuses e dos seus heroes, da natureza e das orixes do mundo. Desa mitoloxía que influíu de maneira decisiva na cultura, na arte e na literatura de occidente, da que forma parte do seu patrimonio cultural.

No libro Enrique Mora inclúe doce narracións nas que se entretecen historias de humanos e deuses, deses deuses tan impredicibles, ás veces tan crueis e vingativos, que habitaban o Monte Olimpo e que tiveron a súa orixe en Gea, a nai Terra.

Rodeado por eles, o autor preséntanos uns textos sinxelos, con elementos fantasiosos, coa finalidade de facelos máis atraentes, subxacendo en todos eles un certo afán pedagóxico de divulgación da mitoloxía.

Enrique Mora é autor, ademais do estudo socioantropolóxico Nuestra prostitución (1980), de numerosos libros de creación literaria, coma os poemarios Mi cielo no es azul (1999), Espejo vivo (2000), Tras los cristales (2001), El mar me abraza (2003) e Crepúsculo para un ciego (2006), ou na modalidade de narrativa con fondo histórico de Relatos con historia (2008).

Os seus poemas aparecen incluídos en diversas antoloxías, como Encontros de poetas, do Instituto de Estudios de Valdeorras; Confluencias, do Taller Literario do Café Moderno de Pontevedra, ou na Revista Lucense de Creación Poética Xistral, do Concello de Lugo. Participou tamén nos libros colectivos Un futuro para a lingua (2002) e Palabra por palabra. Contos da Policía (2003), editados ambos os dous pola Xunta de Galicia. Como membro da Asociación de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria colabora habitualmente no seu Boletín de Estudos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra