Inaugurada no Museo a exposición Materialeza de Darío Basso

Actualizado 16/02/2012 14:12

museo de pontevedra

Desde o pasado martes, día 14 de febreiro, está aberta no Sexto Edificio, a macro exposición titulada Materialeza 1999-2011, que reúne máis de cincuenta obras de gran formato do artista Darío Basso, complementadas con trece cadernos de campo con acuarelas, exposición que foi exhibida dende o pasado 28 de setembro no Centre del Carme de Valencia. A mostra Materialeza, organizada en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, resume doce anos de investigación e traballo de Darío Basso sobre a interacción da Natureza coa pintura, como tema e materia do proceso de creación no que interveñen dunha forma decisiva os axentes naturais e os factores climáticos.

Esta ampla exposición toma a "viaxe" como fío condutor das diversas etapas do artista e como principio de cohesión entre as culturas. Dende os seus inicios nos anos oitenta, Darío Basso asumiu a representación visual e plástica como unha ponte entre Oriente e Occidente, labrada mediante as súas longas estanzas en Roma, París, Nova York, India, Nepal, a súa natal Venezuela ou Exipto, lugares nos que a Natureza foi o elemento decisivo para a indagación en cada cultura nunha visión ampla da estética que abrangue dende a etnoloxía á ecoloxía. As follas, a terra, os minerais e outros recursos naturais son tomados como materia pictórica e son base para o desenvolvemento dunha abstracción que se combina con outras simboloxías que aluden á cúpula, á serra ou ao círculo.

Darío Basso, nacido en Caracas en 1966, comeza a súa traxectoria profesional a mediados dos oitenta en Madrid. Cunha bolsa concedida pola Deputación de Pontevedra trasládase a París en 1987. Será subvencionado tamén pola Academia Española en Roma, onde residirá durante dous anos. En 1991 instala o seu estudio nunha igrexa abandonada da provincia italiana de Umbría, onde permanecerá durante un ano. A concesión da bolsa Fulbright permítelle trasladarse a Nova York, onde asiste a cursos de doutorado na New School of Visual Arts. Regresa a Madrid en 1995 para realizar ao ano seguinte a súa primeira retrospectiva auspiciada polo Concello de Vigo. En 1998 viaxa a India e Nepal, traballando sobre o concepto Nai Natureza e empezando a utilizar follas, terra e minerais como materia pictórica. O seu interese pola Natureza lévao en 1999 a Venezuela, o seu país de nacemento, onde, inspirado polo traballo do botánico Humboldt desenvolve un decálogo de debuxos na selva tropical húmida e crea un banco de imaxes de 2.600 acuarelas, paso previo a un traballo de representación abstracta que chamará Equinocial.

A catástrofe ecolóxica de 2002 en Galicia co afundimento do Prestige irrompe na súa obra afogando as anteriores formas naturais baixo espesas masas de alcatrán, xofre e carbón, serie que levará por nome Leviatán. En 2004, o Ministerio de Asuntos Exteriores encárgalle unha nova retrospectiva que viaxa por Sudamérica e remata en España. Dous anos máis tarde, a Fundación Luis Seoane da Coruña expón por primeira vez a súa instalación Algoritmi dixit, obra que roldaba na cabeza de Basso dende a súa visita ao Cairo con motivo da súa selección para a Bienal da capital de Exipto. En 2010, a sede das Nacións Unidas en Xenebra, nun proxecto conxunto coa Xunta de Galicia, acolle a instalación no seu Hall des Pas Perdus. As súas estanzas en países remotos seguen inspirando series, como Azimut ou Urpflanze, nas que a Natureza e as súas formas volven ser protagonistas de cadros cheos de materia e de cor. En 2009 comeza a pintar a serie A nave do argonauta e visita a illa Captiva, viaxe a partir da cal xorde a serie Relevo oceánico. A exposición permanecerá aberta ata o 14 de marzo, domingo, podendo ser visitada co seguinte horario: de martes a venres, de seis a nove da tarde; os sábados, de once a dúas e de seis a nove, e os domingos e festivos, de once a dúas. Non obstante, os centros escolares que o desexen poden visitala fóra desa franxa horaria, contactando previamente co Gabinete Didáctico do Museo.

Máis información sobre o autor e a súa obra facendo clic aquí

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra