Presentación de catálogos do Museo provincial de Pontevedra na web

Actualizado 04/04/2012 13:05

museo de pontevedra

O Museo Provincial de Pontevedra inicia hoxe a primeira fase do seu novo proxecto Web, a presentación ‘online’ dun conxunto de catálogos que constitúe a primeira fase dun ambicioso proxecto a longo prazo.

No seu constante afán por incidir nunha das funcións propias do Museo Provincial, a difusión, faise pública agora unha mostra significativa dos seus fondos a través da rede. Son, en concreto, 14.957, boa mostra da riqueza e heteroxeneidade das súas coleccións.

Ofrecer neste momento a posibilidade de acceder ás diversas coleccións a través da web, facilitando aos usuarios o acceso público e libre aos fondos, foi o froito dun gran esforzo levado a cabo pola Institución nos últimos anos. A información móstrase ao público a través da páxina In web, catálogo en liña que reúne información e imaxes dixitais dunha importante selección dos bens culturais que forman parte das coleccións do Museo de Pontevedra, que permitirá ao usuario realizar buscas xerais e avanzadas desde calquera parte do mundo, e cuxos contidos estarán en constante crecemento e actualización nos próximos meses.

Este navegador permite o acceso a unha selección das coleccións catalogadas actualmente nun sistema integrado de documentación e xestión museográfica. A selección, aínda que é moi ampla non abarca nin a metade do volume de fondos do Museo Provincial de Pontevedra ao non atoparse, polo momento, volcada a totalidade das súas coleccións como, por exemplo, o importantísimo conxunto de pezas pertencentes ás coleccións de arqueoloxía ou os fondos documentais do seu vasto arquivo, que irán incrementando esta publicación de forma sucesiva.


Acceso ós catálogos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra