Inaugúrase hoxe en Cambados a exposición Anxo Rial. Luces do mundo

Actualizado 13/04/2012 12:15

museo de pontevedra

No ámbito do programa de colaboración cultural do Museo de Pontevedra cos concellos da provincia, inaugúrase hoxe, día 13 de abril, ás oito da tarde, no Pazo Torrado de Cambados, a exposición Anxo Rial. Luces do mundo.

Na mostra o xornalista e fotógrafo vigués Anxo Rial invítanos a viaxar por diversos puntos do planeta a través dunha obra que é froito da combinación de dúas paixóns, a fotografía e a viaxe, na que triunfan sobre todo a luz e os grandes espazos.

Anxo Rial é asiduo colaborador de numerosas publicacións de tirada nacional, como Viajes-National Geographic, Geo, Desnivel, Casanovafoto, Grandes espacios, Escalar, Turismo rural, Descubrir, Caminar, Paisajes desde el tren, Campo base ou El mundo de los Pirineos.

A exposición permanecerá aberta no Pazo Torrado ata o día 29 de abril e poderá ser visitada de martes a domingo entre as cinco e as oito da tarde.

Posteriormente itinerará polos seguintes concellos da provincia: O Rosal, do 4 ó 20 de maio; Lalín, do 25 de maio ó 17 de xuño; Baiona, do 22 de xuño ó 1 de xullo; As Neves, do 13 ó 29 de xullo, e Sanxenxo, do 4 ó 26 de agosto.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra