Conferencia de Francisco Martín Valentín sobre a Misión Arqueolóxica en Exipto

Actualizado 16/04/2012 17:15

museo de pontevedra

O salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o próximo 24 de abril, martes, ás oito da tarde e con entrada libre, a conferencia de Francisco Martín Valentín sobre Os traballos da Misión Arqueolóxica Española en Exipto.

Malia que as escavacións en Exipto e as investigacións sobre os restos nelas atopados comezaron a finais do século XVIII, as misións arqueolóxicas españolas na zona tardaron case un século en facerse realidade, incrementándose desde finais do XIX ata a actualidade. Os froitos desas iniciativas foron recollidos na exposición 120 años de arqueología española en Egipto, patrocinada polo Ministerio de Cultura e celebrada no 2009 no Museo Exipcio de El Cairo, na que se glosaba o traballo dos exiptólogos e arqueólogos españois naquel país.

As actuacións de estudo e protección sobre o conxunto patrimonial do Val do Nilo son consideradas na nosa sociedade actual de indiscutible interese cultural, tanto por ser proba da madura incorporación de investigadores españois ó mundo da exiptoloxía internacional, como polo que supón de manifestación do compromiso solidario español co estudo e preservación do patrimonio histórico da humanidade, representado neste caso polos monumentos exipcios antigos.

Francisco Martín Valentín é director do Instituto de Estudios del Antiguo Egipto, institución científica fundada en 1997, con sede en Madrid, que vén traballando en Exipto desde o ano 2003. O primeiro proxecto, desenvolvido entre 2003 e 2007, foi a intervención no hipoxeo de Sen-en-Mut, un dos monumentos máis significativos e enigmáticos de Deir el Bahari, para a súa posterior restauración, investigación e conservación.

O Instituto de Estudios del Antiguo Egipto presentou logo un proxecto integral de traballo na área da tumba número 28 de Asasif, en Luxor Occidental, no que se contemplaba o estudo do lugar, a súa escavación, restauración e posta en valor da construción funeraria do Visir Amen-Hotep, da dinastía XVIII, ó redor do ano 1360 a. C., traballos que comezaron en outubro de 2009.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra