Inaugurouse en Cambados a exposición Anxo Rial. Luces do mundo

Actualizado 17/04/2012 12:40

museo de pontevedra

No ámbito do programa de colaboración cultural do Museo de Pontevedra cos concellos da provincia, inaugurouse o día 13 de abril no Pazo Torrado de Cambados, a exposición Anxo Rial. Luces do mundo.

Na mostra o xornalista e fotógrafo vigués Anxo Rial invítanos a viaxar por diversos puntos do planeta a través dunha obra que é froito da combinación de dúas paixóns, a fotografía e a viaxe, na que triunfan sobre todo a luz e os grandes espazos.

Anxo Rial é asiduo colaborador de numerosas publicacións de tirada nacional, como Viajes-National Geographic, Geo, Desnivel, Casanovafoto, Grandes espacios, Escalar, Turismo rural, Descubrir, Caminar, Paisajes desde el tren, Campo base ou El mundo de los Pirineos.

A exposición permanecerá aberta no Pazo Torrado ata o día 29 de abril e poderá ser visitada de martes a domingo entre as cinco e as oito da tarde.

Posteriormente itinerará polos seguintes concellos da provincia: O Rosal, do 4 ó 20 de maio; Lalín, do 25 de maio ó 17 de xuño; Baiona, do 22 de xuño ó 1 de xullo; As Neves, do 13 ó 29 de xullo, e Sanxenxo, do 4 ó 26 de agosto.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra