Exposición Motos históricas. Cen anos sobre rodas

Actualizado 24/04/2012 14:01

museo de pontevedra

Desde o 26 de abril ata o 15 de xullo exhíbese no Edificio Sarmiento do Museo a exposición Motos históricas. Cen anos sobre rodas. Nela expóñense 58 motos –dun total de 131- do coleccionista pontevedrés Manuel Gómez González, co que colabora o seu fillo Rubén.

As motos que se amosan abarcan cronoloxicamente desde finais do século XIX ata finais do XX.

Os visitantes desta mostra poden gozar de pezas tan especiais coma un dos primeiros triciclos realizados en serie por De Dion Bouton en 1897, unha Griffon de 1902 ou unha Monet Goyon de 1922, que resolvía, condicionada pola súa escasa potencia, o uso do sidecar fabricándoo nun material tan lixeiro como o vimbio. Verán tamén as míticas Harley Davidson e Indian, sempre en competencia durante toda a primeira metade do século XX; a FN Sáhara, a primeira moto capaz de cruzar o deserto do Sahara en 1927; máquinas españolas tan emblemáticas como Montesa, Ossa ou a invencible Bultaco; e as xoias da colección: trece motos monocilíndricas saídas da fábrica bávara BMW, serie completa única no mundo. Destaca a BMW R 39, a primeira moto monocilíndrica fabricada pola marca para competición e das que, hoxe en día, só están catalogadas tres máis.

A exposición supón unha ocasión única para contemplar, en Pontevedra, estas pezas completamente restauradas polos coleccionistas e os seus equipos.

Pode visitarse no seguinte horarario:

  • De martes a venres: de 17:00 h a 21:00 h
  • Sábados: De 11:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:00 h
  • Domingos e festivos: De 11:00 h a 14:00 h
  • Luns: pechado

Con motivo desta exposición, o Gabinete Didáctico do Museo, en colaboración coa Dirección General de Tráfico e a Policía Local de Pontevedra, desenvolve unha sala-obradoiro na que se expón material pedagóxico sobre Educación Viaria, incidindo, sobre todo, naqueles aspectos que teñen que ver directamente co mundo das motos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra