Presentación do libro de Rosa Caamaño

Actualizado 02/05/2012 12:01

museo de pontevedra

O libro Educación y dedicación. Aportaciones de las grandes pintoras al arte: desde la antigüedad hasta 1800, do que é autora a profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Rosa Elvira Caamaño Fernández, será presentado o venres, día 4 de maio, ás oito da tarde, no salón de actos do Sexto Edificio do Museo.

Ás oito da tarde do venres, 4 de maio, será presentado no salón de actos do Sexto Edificio do Museo o libro Educación y dedicación. Aportaciones de las grandes pintoras al arte: desde la antigüedad hasta 1800, do que é autora a profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Rosa Elvira Caamaño Fernández, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. A autora ofrece no libro un detido estudo da vida e da obra das trinta e unha pintoras e dúas escultoras máis relevantes da historia da arte, que non foron artistas casuais nin espontáneas senón profesionais cunha gran preparación e unha total dedicación. Céntrase no período que vai desde a Antigüidade ata 1800, resaltando que as mellores foron as dos séculos XVI e, sobre todo, XVII e XVIII, en especial este último, que é o século das grandes pintoras.

Fai fincapé Rosa Caamaño en que foron grandes loitadoras e acadaron a excelencia na súa profesión, que lles proporcionou recoñecemento, sona e fortuna a base dun grandísimo traballo e espírito de superación malia as dificultades que moitas delas tiveron nas súas vidas. Docente e pintora, Rosa Elvira Caamaño é doutora en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid e profesora titular de Técnicas Pictóricas na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Realizou a súa tese de doutoramento sobre o pintor Serafín de Avendaño. É membro correspondente da Academia Archeologica de Roma.

Como pintora participou nos concursos de debuxo e pintura máis importantes de España. Expuxo nas salas da Fundación Mapfre, no Museo de la Villa, no Centro Cultural Conde Duque, na Casa de las Alhajas, no Centro Cultural de la Villa, todos eles en Madrid. En Galicia, ademais das Salas de Caixanova en Vigo, no Pazo da Deputación, na Casa da Parra en Santiago de Compostela e na sala da Autoridade Portuaria de Ferrol. En Italia realizou exposicións individuaos na galería Clemente de Génova e no Palazzo Viviani de Urbino. Como pastelista participou en varias mostras colectivas sobre a especialidade, como as celebradas no Museo de Historia de San Petersburgo en 1993, no Palazzo Ducal de Génova e na sede da Pastel Societé of America en Nova Iork. Obtivo a medalla de prata na exposición conmemorativa do V Centenario en Génova en 1992, ademais doutros premios en exposicións, como a medalla de ouro na Rassegna de arte contemporáneo no ano 1994.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra