Día Internacional dos Museos

Actualizado 09/05/2012 18:30

museo de pontevedra

O Museo de Pontevedra desenvolverá diversas actividades para conmemorar o Día Internacional dos Museos, para o que este ano o ICOM escolleu o lema Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións.

18 de maio, Día Internacional dos Museos

Aquelas persoas que visiten o Museo durante os días 18 e 19 de maio recibirán como agasallo un libro que poderán escoller entre unha selección variada de publicacións do propio Museo: o venres, 18, de 9:00 a 14:00 h, na Biblioteca, ampliación do edificio Fernández López, e o sábado, 19, de 18:00 a 24:00 h, no Castro Monteagudo.

19 de maio, A Noite dos Museos 2012

Amplíase o horario de apertura ó público dos edificios centrais ata as 24:00 h. Ademais, o Gabinete Didáctico fai unha serie de propostas que tentan achegar o Museo dunha forma dinámica e lúdica ó público tanto infantil como adulto. Trátase de actividades gratuítas para un número limitado de persoas, polo que é precisa a inscrición previa no correo-e gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986 804 100 extensión 42413.

  • A Ruta do Museo Nocturna
  • Visita guiada polos edificios do Museo, destinada a mozos e adultos. Comezará no edificio Castro Monteagudo ás 22:00h e durará aproximadamente dúas horas. Para un máximo de 50 persoas.

  • O Museo en Xogos
  • Esta actividade ten dúas partes diferenciadas. A primeira é un obradoiro creativo empregando material de refugallo e, a segunda, o xogo Atopa no Museo, que ten como obxectivo que os rapaces localicen diferentes obxectos de épocas distintas.

    Está dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, e comezará ás 21:30 h no edificio Castro Monteagudo. A duración será de dúas horas . Para un máximo de 20 nenos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra