O Día das Letras Galegas no Museo

Actualizado 11/05/2012 12:02

museo de pontevedra

A Deputación de Pontevedra a través do Museo, súmase á celebración do Día das Letras Galegas organizando dúas actividades: a exposición bio-bibliográfica sobre Valentín Paz Andrade e o agasallo de libros do seu fondo editorial e do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental da Deputación.

Homenaxe a Valentín Paz Andrade

Como todos os anos, o Museo rende homenaxe, o mesmo que en diversas localidades de Galicia, ó persoeiro a quen se lle dedica o Día, este ano o pontevedrés Valentín Paz Andrade, nado en Lérez o 23 de abril de 1898 e afincado en Vigo, pero moi vinculado á institución e ás súas iniciativas. Con tal motivo ten programada unha exposición bio-bibliográfica a base dos propios fondos do Museo, que poderá verse a partir do día 16 de maio, ben fisicamente na sala da investigadores ata o 29 de xuño, sita na ampliación do edificio Fernández López, de luns a venres desde as nove ata as doce da mañá, ou ben nesta mesma web.

Na mostra exhibiranse libros e artigos publicados por Paz Andrade en xornais e revistas especializadas, como Galicia ou Industrias pesqueras, dos que foi fundador, ou Grial, documentación impresa relativa á súa actividade política, en especial a presentación como candidato ás Cortes constituíntes en 1931, así como correspondencia mantida con Francisco Javier Sánchez Cantón, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Xosé Filgueira Valverde, Rodolfo Prada ou Bibliano Fernández Osorio-Tafall.

Na web, ademais, poderán contemplarse os debuxos da serie “As mulleres”, da autoría de Castelao, que Valentín Paz Andrade doou ó Museo.

Agasallo de libros

As persoas que visiten o Museo o propio Dia das Letras no seu horario habitual de festivo, de once da mañá a dúas da tarde, serán agasalladas cun libro que poderán elixir dunha variada selección do seu fondo editorial e do Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental da Deputación, que colabora nesta actividade.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra