Ciclo de concertos Seráns do Conservatorio no Museo

Actualizado 14/05/2012 09:09

museo de pontevedra

Coa colaboración do Conservatorio de Música Manuel Quiroga, o 15 de maio, ás oito e media da tarde, ábrese no Sexto Edificio do Museo o ciclo Seráns do Conservatorio no Museo, integrado por catro concertos a cargo do alumnado do centro docente que se celebrarán semanalmente.

Dando continuidade e asentando unha colaboración que se iniciara hai tres anos, o Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra trae ata as salas do Museo a música das súas alumnas e alumnos, achegándoa tamén así un pouco máis ao corazón da cidade. Aquela primeira ocasión comezara como unha experiencia protagonizada pola Aula de Canto do Conservatorio, coas Letras Galegas e a súa conmemoración como feliz pretexto. Na actual preséntase un ciclo de catro concertos que se celebrarán de xeito regular durante un mes natural.

Mantendo aquel espírito inicial, ábrese este ciclo co concerto que ofrece o Departamento de Canto, como xa é tradición, no marco da semana das Letras Galegas, e traendo no seu programa unha representación importante dos poetas e músicos galegos de antano e hogano, incluíndo neste caso un compositor do propio Conservatorio. Segue na próxima semana un concerto a cargo dunha formación inusual: a Orquestra de Violonchelos Manuel Quiroga, conformada por alumnado desta especialidade; unha agrupación que ten nacido como actividade complementaria, para abrir camiño a un conxunto instrumental e un repertorio pouco frecuentes e que confiamos sorprendan moi positivamente aos asistentes nesta que é a súa primeira presentación pública fóra do Conservatorio.

Pechan o ciclo dous concertos a cargo do Departamento de Música Antiga, que xa tiña colaborado en edicións anteriores no Museo, e que este ano contan cunha representación máis numerosa, expresión do éxito de acollida que estas especialidades, tan particulares, e de entrada tan minoritarias, están a ter entre o alumnado do Conservatorio, e tamén, a un nivel xa máis esixente, entre o público da cidade, como se ten demostrado no ciclo de Música nas Ruínas de San Domingos do mes de xullo.

En definitiva, desde o Museo de Pontevedra e do Conservatorio de Música Manuel Quiroga confíase en que estes catro concertos, variados nas formacións e diversos no seu contido, dean ocasión para mostrar o empeño e a vocación dos xoves músicos que neles van participar, ao tempo que serven para achegar un pouco máis a todo os pontevedreses o traballo destas dúas institucións veteranas da cidade, cómplices incansables no seu empeño por unha educación e unha cultura a cada vez mellor, e maior.

Para coñecer os programas completos dos concertos premer aquí.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra