A Deputación abre as portas do Museo aos alumnos de Belas Artes para que poidan expor as súas obras

Actualizado 06/06/2012 09:58

museo de pontevedra

Dar unha primeira oportunidade aos que comezan a súa carreira no mundo das artes é o obxectivo da Deputación de Pontevedra ao abrir as portas do Museo aos alumnos e alumnas de Belas Artes de Pontevedra para que poidan expor as súas obras nun centro de gran prestixio, algo ao que só adoitan ter acceso os artistas xa consolidados.

A sala de exposicións temporais do Sexto Edificio é o espazo elixido para que acoller a mostra Eso sigue su curso, na que se reúnen os proxectos elaborados polos alumnos e alumnas do Máster en arte contemporáneo. Creación e investigación 2012, da Facultade de Belas Artes, coordinado por Alberto Ruiz de Samaniego.

A mostra abrirá as súas portas o venres 8 de xuño, ás 20,00 horas e poderá visitarse ata o 1 de xullo, domingo, e poderá ser visitada en de martes a venres de 17 a 21 horas; os sábados, de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, e os domingos, de 11 a 14 horas.

Aposta polos artistas pontevedreses

Esta iniciativa é unha aposta máis da Deputación Provincial de Pontevedra no seu apoio aos artistas noveles e aos mozos e mozas que se forman na facultade pontevedresa.

A administración provincial mantiña xa unha colaboración continua con esta facultade, a través tanto do certame de Novos Valores como apoiando ou participando en diferentes eventos relacionados con esta facultade, pero esta é a primeira vez que os alumnos e alumnas poderán ver expostos os seus traballos nun Museo e, polo tanto, comezar a súa andaina artística cun aval do que outros non poden disfrutar en moitos anos.

As obras atenden, así mesmo, a unha ampla pluralidade de obxectivos, intereses e sensibilidades. Así, podemos encontrar unha práctica das técnicas de debuxo aplicadas a diferentes soportes onde as dimensións ou as fragmentacións xogan un papel importante na sempre delicada técnica do debuxo (Lois Costas, Arkaitz Rodríguez, María Fernández).

A pintura, xa híbrida e de técnicas diversas, ten a súa presenza en traballos de gran formato que evidencia tanto a subxectividade do trazo (Bibiana Piñeiro) como os resultados máis mecánicos, sistemáticos e tecnolóxicos (José Navas Aranda), sen deixar de lado aquilo que se pretende narrar (Begoña García-Alén), incidindo tamén nos aspectos construtivos (Fernando Lafuente) ou evidenciando a súa relación con outras linguaxes como o do cómic (Andrés Magán).

A fotografía dá resposta ás inquietudes estéticas en traballos que, desde a fragmentación, pretenden unir a totalidade da imaxe co instantáneo fotográfico (Cillas Rodríguez, Alejandra Sampedro, Natalia Desirée García).

As cuestións espaciais, volumétricas e obxectuais teñen tamén cabida en traballos onde, partindo de obxectos, materiais diversos e dispositivos (Nelson Manuel Bardón), se crean e articulan estruturas (Martín Rivas), sistemas de organización de materiais (Rocío Piñeiro, María Arias, Alejandra Sampedro) e representacións (Teresa Pece) que tratan de dar resposta a visións concretas do mundo.

Non faltan nesta exposición reflexións de carácter máis metalingüístico sobre o propio acto da mirada, ben sexa cara a propia obra, que pode producir incluso a negación da mesma (Ángel Calvo), ou sobre o espazo museístico (Olalla Barroso), que nos deixa ver o xa coñecido cunha mirada estraña.

Do mesmo modo a escritura, coa técnica do bordado (Sara Goberna), mantén o interese polo narrativo. E tampouco son alleos á arte nesta exposición as reflexións sobre os contextos sociais e máis urbanos das imaxes onde as intervencións no espazo social se levan ó museo (Antía Cea).

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra