Recital de Luis Alberto de Cuenca

Actualizado 08/06/2012 08:35

museo de pontevedra

Dentro do proxecto Pontevedra, imán de palabras, organizado pola Deputación coa colaboración do Ateneo de Pontevedra, o día 15 de xuño, venres, ás 20:00h e con entrada libre, Luis Alberto de Cuenca ofrecerá a charla-recital Mis mundos y mis días no salón de actos do Sexto Edificio.

Luis Alberto de Cuenca naceu en Madrid o 29 de deciembro de 1950. Interrompeu os estudos de Dereito na Universidad Complutense de Madrid para licenciarse e doutorarse en Filoloxía Clásica. É profesor de investigación do C.S.I.C., no que está adscrito ó Centro de Ciencias Humanas y Sociales. Foi director da Biblioteca Nacional e Secretario de Estado de Cultura.

Como traductor e especialista en cultura clásica ten publicado, entre outros, Floresta española de varia caballería (1975), Necesidad del mito (1976), Himnos y epigramas de Calímaco (1980), Antología de la poesía latina (1981), El héroe y sus máscaras (1991), Bazar (1995) ou Álbum de lecturas (1996). En 1989 obtivo o Premio Nacional de Tradución pola súa versión do poema latino medieval Cantar de Valtario.

A súa obra poética iníciase en 1971 con Los retratos e prosegue con Elsinore (Madrid, Azur, 1972), Scholia (Barcelona, Antoni Bosch, 1978) e Necrofilia (Madrid, Cuadernillos de Madrid, 1983), na liña da poesía culturalista. A ironía, a linguaxe coloquial, o distanciamento, ou a mestura do cotián e o libresco, son trazos perceptibles a partir de La caja de plata (Sevilla, Renacimiento, 1985), que obtivo o Premio da Crítica en 1986. El otro sueño (Sevilla, Renacimiento, 1987), El hacha y la rosa (Sevilla, Renacimiento, 1993), Por fuertes y fronteras (Madrid, Visor, 1996) e El bosque y otros poemas (Málaga, Llama de amor viva, 1997) completan a súa obra poética, que reúne, corrixida e reelaborada, a excepción do primeiro libro, en Los mundos y los días. Poesía 1972-1998 (Madrid, Visor, 1999, 2ª edición). Posteriormente publicou Sin miedo ni esperanza (Madrid, Visor, 2002).

A poesía de Luis Alberto de Cuenca caracterízase por unha lírica irónica e elegante, a veces escéptica, ou desenfadada, na que o transcendental convive co cotián. Destaca a súa faceta de letrista musical, na que merecen ser citadas algunhas das letras máis coñecidas do grupo de rock Orquesta Mondragón. Algún dos seus poemas foi tamén musicado por Gabriel Sopeña e interpretado por Loquillo.

No campo da narrativa é autor de Héroes de papel (1990) e Fragmento de novela (1996).

As súas obras como ensaísta van desde Necesidad del mito (1976) ou Museo (1978) ata Fernando Albor Estalayo y las técnicas de búsqueda y uso de la información (2008), pasando por El héroe y sus máscaras (1991) ou De Gilgamés a Francisco Nieva (2005).

Ademais do Premio da Crítica de 1986, obtivo o Premio Ciudad de Melilla en 2005. En 2010 foi elixido académico de número da Real Academia de la Historia.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra