A Noite Máxica de San Xoán no Museo

Actualizado 14/06/2012 13:20

museo de pontevedra

Dúas propostas para unha celebración moi arraigada en Galicia.

Unha actividade para nenos e outra para adultos desenvolveranse na noitiña do 23 de xuño, na véspera de San Xoán, antes da hora das meigas na que se prenden as fogueiras.

O Pito Encantado

Esta proposta está destinada a nenas e nenos, que poden vir acompañados dos seus pais. Consiste no relatorio dun conto inédito, escrito expresamente para esta noite máxica, que conxuga dun xeito moi orixinal historia, lendas, xogos populares, cantigas,… que como nunha rolda xiran arredor da festa de San Xoán.

Terá lugar ás 20:00h no Edificio Castro Monteagudo cunha duración aproximada de 45 minutos.

A conxura dos Señores do Pasado

Esta actividade está destinada a público adulto. Consiste nunha proxección comentada sobre a historia das Ruínas de San Domingos, que mestura realidade e ficción. Aproveitando a maxia que se lle atribúe á noite de San Xoán e a misteriosa beleza que desprenden as Ruínas, quéreselle dar ós participantes unha visión diferente delas, do seu estilo artístico, da súa historia e dos persoeiros que moraron nelas trala súa morte, e tamén daqueles que fixeron posible a súa salvagarda.

Celebrarase nas Ruínas de San Domingos dende as 22:30 h ata as 23:30 h.

Ambas actividades son gratuítas, pero é precisa a inscrición previa no correo-e gabinetedidactico.museo@depo.es ou no teléfono 986804100, extensión 42413.

Para ilustrar esta información coloreouse o debuxo de Castelao titulado A roda de San Xoán, publicado en Nós, nº1, 1920.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra