A Deputación organiza un espectáculo poético de Carlos Oroza

Actualizado 22/06/2012 09:26

museo de pontevedra

O recital titulado La llama prestada de Carlos Oroza, espectáculo poético que se complementa coa arquitectura escénica de Vilas Bugallo, organizado polo Servizo de Cultura, terá como marco o Sexto Edificio, ás 20:00 h do venres, 29 de xuño.

O poeta e performer Carlos Oroza, nado en Viveiro en 1933, foi cofundador en Madrid, con Víctor Lizárraga e Victoria Paniagua, da revista literaria Tropos. A finais dos sesenta forma parte do movemento beatinik. Aparecen referencias á súa obra na revista Poetry e no libro do poeta americano Lawrence Ferlinghetti Un Coney Island de la mente, figurando obra súa na antoloxía Ocho poetas raros.

Publicou diversos libros, como Elencar (Madrid, 1974), Cabalum (A Coruña, 1980), Una porción de tierra gris del norte (Pontevedra, 1996), La llama prestada (Lisboa, 1998) ou Preludio a Cabalum (Vigo, 2010).

Distinguido co Premio Internacional de Poesía Underground e co Premio Bite de Poesía de 1998, actuou en universidades e centros da Península e de América e participou no Festival Internacional de Poesía e Rock de Madrid en 1996, así como no de Poesía Cidade de Barcelona de 2004.

Para Francisco Umbral “era el poeta maldito del Café Gijón, el bohemio de los sesenta”, para Carlos Tena o “poeta mágico, gallego, único y genial… sin duda el mejor rapsoda que existe en Europa”, mentres que Manuel Rivas afirma que “cito a Ginsberg como referencia histórica, pero Carlos Oroza le da mil vueltas como bardo recitador”.

Pola súa parte, o creador Vilas Bugallo vén colaborando con Carlos Oroza desde 1998. Presentou a súa obra en exposicións como as celebradas no Castelo de Soutomaior en 2001 ou na Gallery Hammer de Regensburg (Alemania) en 2002. Participou tamén no Festival Internacional de Poesía de Barcelona en 2004 e na Feira de Arte Contemporánea de Arévalo no presente ano.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra