Presentación do libro de Carlos Cambeiro sobre Manuel Quiroga

Actualizado 10/07/2012 14:20

museo de pontevedra

O libro Manuel Quiroga Losada: o gran violinista do século XX será presentado no salón de actos do Sexto Edificio o próximo 17 de xullo, ás 20:00 h.

O libro, da autoría de Carlos M. Cambeiro Alís, foi publicado polo Consello da Cultura Galega, dentro da súa serie Autores e textos, e ten unha presentación de Ramón Villares Paz, presidente do Consello, e un epílogo de Enrique Jiménez Gómez, membro da súa sección de Música e Artes Escénicas.

A publicación estrutúrase en catro partes, das que a primeira está dedicada ó análise de Pontevedra a comezos do século XX, ó nacemento de Manuel Quiroga e ós seus inicios no mundo da música.

Na segunda, Carlos Cambeiro explica os aspectos musicolóxicos da obra, os contidos estruturais e os criterios seguidos para a súa catalogación e as fontes documentais e iconográficas das que se valeu.

O catálogo da obra musical de Manuel Quiroga (manuscritos, partituras e gravacións), custodiada no Museo de Pontevedra, constitúe a terceira parte, mentres a cuarta inclúe os índices complementarios.

O estudo que se presenta ten como obxecto contribuír á recuperación e recoñecemento do gran artista Manuel Quiroga, especialmente a súa faceta de compositor, devolvéndoo ó lugar que, por dereito propio, lle corresponde dentro do panorama da música. Para iso foi necesario realizar un traballo de ordenación do catálogo das súas composicións, que permite acceder con facilidade ás fontes manuscritas e editadas.

Carlos M. Cambeiro Alís, titulado superior en Composición, é profesor titular de Fundamentos de Composición e xefe do Departamento de Composición no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A súa actividade profesional desenvólvea, así mesmo, como orquestrador, arranxador, compositor e pedagogo. Pertence á Asociación Galega de Compositores, foi membro integrante da Comisión de Conservatorios e dos grupos de traballo que elaboraron os currículos de música LOGSE e LOE para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra