Ciclo de Música Sons no Ar-co V

Actualizado 17/07/2012 09:55

museo de pontevedra

Un ano máis, o Museo de Pontevedra organiza o ciclo de música Sons no Ar-co, xa na súa quinta edición.

Con esta actividade o Museo quere saír dos espazos pechados e contribuír a enriquecer o espazo cultural da cidade de Pontevedra, sementando de música a rúa, dende a simbólica Praza da Leña.

Os venres 20 e 27 de xullo ás 22:00 h diante do arco que une os edificios Castro Monteagudo e García Flórez actuarán respectivamente os grupos Klezmatica e Nadie es perfecto.

20 de xullo Klezmatica

A proposta desta formación é un percorrido a través da música tradicional do este e centro de Europa. O seu repertorio inspírase na música popular dos pobos das rexións máis orientais do continente, unha arte creada por músicos virtuosos en moitas ocasións itinerante que crearon un estilo propio a partir da incorporación de elementos da música das culturas locais que ían encontrando ó seu paso.

Os compoñentes de Klezmática son músicos cunha sólida formación musical e intentan evocar nas súas interpretacións o estilo dos klezmorim do este, transformando ó mesmo tempo o material musical enriquecéndoo con elementos do jazz, da música clásica e da música contemporánea. Esta fusión de estilos queda patente nun universo sonoro no que os efectos tímbricos, improvisacións, construcións harmónicas e estruturas formais das pezas conforman unha proposta moi particular e persoal da interpretación deste repertorio a través de ritmos enérxicos e sensuais melodías de corte oriental.

Os concertos de Klezmática víronse sempre recompensados co aplauso do público e da crítica especializada. Destacan os ofrecidos en importantes festivais como Murcia Tres Culturas, Festival Internacional de Música Judía de Córdoba, Festival de la Luna Mora (Guaro), auditorio Príncipe Felipe de Oviedo ou os concertos ofrecidos na Sinagoga del Tránsito, e Museo Sefardí de Toledo.

O seu primeiro traballo discográfico Música del este de Europa obtivo gran repercusión mediática e aceptación por parte do público.

Compoñentes:

Pawel Hutnik (violín)

Raúl Álvarez (acordeón)

Mirek Kasperek (contrabaixo)

Paco Tejero (percusión)

27 de xullo Nadie es perfecto (Blues band)

Nadie Es Perfecto naceu no ano 1998 co obxectivo de xuntar a cinco músicos vigueses de diferentes procedencias, algúns con moita experiencia e outros noveis.

Despois de 8 anos de traballo de directo coa mesma formación orixinal, con dúas gravacións dos seus temas, a banda optou por reconducir o seu camiño facendo o que máis lle gusta, que é o directo, e a música na que mellor se senten, o blues e a música negra americana en xeral. Deste xeito, coa inclusión do novo vocalista e guitarra solista, a banda quere ofrecer a súa visión de clásicos do blues ata o funky, pasando polo rithm'n blues ou o soul, e revisando outros temas na nosa visión máis bluseira, ofrecendo toda a súa experiencia de catorce anos no directo.

Compoñentes:

J.L. Rey (guitarra e voz)

Ibán Santos (baixo eléctrico)

Juan D. Tilve (teclado e voz)

Nacho Lamas (voz e guitarra)

Jorge Iglesias “Jito” (batería)

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra