Exposición conmemorativa do 30 aniversario da constitución do Parlamento de Galicia

Actualizado 19/07/2012 13:31

museo de pontevedra

O Sexto edificio do Museo foi a sede elixida pola Deputación de Pontevedra para amosar, desde o 19 de xullo, a exposición Aqueles primeiros anos (1981-1989), organizada polo Parlamento de Galicia.

A exposición foi programada con motivo da conmemoración do trinta aniversario do Lexislativo galego, para recuperar e poñer en valor as orixes da institución e o proceso de configuración do autogoberno da Comunidade Autónoma.

Ó longo desta etapa, o Lexislativo galego chegou a utilizar ata dúas sedes provisionais en Santiago de Compostela (os pazos de Xelmírez e de Fonseca) antes de trasladarse ó seu emprazamento actual e definitivo, o pazo do Hórreo, construído inicialmente para albergar unha Facultade de Veterinaria, pero que, por vicisitudes diversas, foi utilizado, posteriormente, como cuartel militar durante décadas.

A través de 24 paneis, o visitante, cunha óptica plural, pode afondar no coñecemento da etapa preautonómica e das primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia, servíndose de diferente material documental, fotográfico e audiovisual.

A exposición configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa loable protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.

Estará aberta ata o 2 de setembro.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra