Visitas nocturnas ó Museo

Actualizado 03/08/2012 14:00

museo de pontevedra

As visitas nocturnas guiadas ós edificios do Museo celébranse os días 10 e 24 de agosto e todos os venres de setembro.

Considerando o éxito de público participante en edicións anteriores, o Museo retoma a idea de organizar visitas nocturnas ós seis edificios, que comezan o venres, día 10 de agosto, coincidindo co oitenta e tres aniversario da apertura das súas primeiras instalacións no Castro Monteagudo.

A actividade terá continuidade o 24 de agosto e os días 7, 14, 21 e 28 de setembro, comezando ás 21:00 h nas Ruínas de San Domingos, para seguir polo edificio Fernández López e as súas ampliacións, o Castro Monteagudo, o García Flórez e o Sarmiento, para concluír no Sexto.

A participación na ruta é gratuíta e os grupos non superarán as vinte persoas, sendo a duración estimada de dúas horas.

As persoas interesadas deben inscribirse, indicando o día desexado, no propio Museo, chamando ó teléfono 986 804 100, extensión 42413 (Gabinete Didáctico) ou a través do correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es.

Con esta iniciativa preténdese achegar ó Museo tanto os habitantes de Pontevedra como os foráneos que visiten a cidade, ofrecéndolles unha breve información da súa historia e dos seus fondos, que poderán completar con visitas máis específicas e de máis duración.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra