Xusta de xogos populares

Actualizado 21/08/2012 10:15

museo de pontevedra

Celebrarase os días 31 de agosto e 1 de setembro nos exteriores do Sexto Edificio e poderán participar nela nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

Coincidindo co final das vacacións escolares e para sumarse ó ambiente medieval que vive a cidade, o Museo de Pontevedra programa para o 31 de agosto e 1 de setembro, venres e sábado, unha xusta de xogos populares orientada a nenos e nenas de entre seis e doce anos, actividade preparada polo Gabinete Didáctico do Museo, coa colaboración do Gabinete de Difusión e Publicacións.

Con este obradoiro preténdese inculcar nos rapaces o interese polos xogos que na actualidade case non se practican e dar a coñecer ó mesmo tempo a figura de José Casal y Lois, cuxo centenario da morte se celebra este ano, e o seu traballo como personalidade destacada da cultura pontevedresa da segunda metade do século XIX e da primeira década do XX, labor no que sobresae a recollida dos xogos tradicionais de Pontevedra, do que o orixinal se custodia, con outros seus, no Museo e que foi publicado no ano 2009 en coedición co Consello da Cultura Galega.

A xusta desenvolverase nos exteriores do Sexto Edificio de 17:00 a 20:00 h o venres e de 11:00 a 14:00 h o sábado, en quendas de media hora e cun máximo de seis participantes en cada unha, debendo os interesados inscribirse no teléfono 986 804100, extensión 42413, ou no correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, ata o venres, 31 de agosto, ás 14:00 h.

O percorrido de xogos de cada quenda será o seguinte: carreira de sacos, a rayuela, ou peletre, historiada, carreira de cabaliños de madeira tratando de conseguir aros colgados, o salto da comba ou corda, o marro do pano e as chapas, sendo orientados e acompañados en todo momento por persoal do Gabinete Didáctico.

En paralelo os nenos e nenas que non se inscribiran poderán participar, no mesmo horario que os anteriores, noutros xogos, tamén preparados polo Gabinete Didáctico, como o tres en raia, as tabas ou pelouros, las canicas, para o que se utilizarán tamén as bólas de barro realizadas no obradoiro de cerámica desenvolvido no Museo, a bailarina, a roda e o pase misí, así como xogos de baralla con cartas heráldicas, nos que tamén poderán participar os adultos.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra